Gondomar acolle unha nova edición da BTT con case 200 participantes

Todo preparado no Concello de Gondomar para acoller este domingo, 6 de outubro, a décimo segunda edición da marcha cicloturista de velocidade libre, BTT Concello de Gondomar, que nesta ocasión reunirá a preto de 200 participantes. A proba partirá ás 9:30 da mañá da Praza da Paradela percorrendo posteriormente distintos tramos do municipio que atravesan as Comunidades de Montes de San Bieito, Couso, Mañufe, Santa Eulalia de Donas e Borreiros, que xunto ao goberno local de Gondomar, colaboran coa organización deste evento.

A iniciativa, promovida polo Club Ciclista Bici Verde, ten un carácter non competitivo e cobre unha distancia total de 36 quilómetros, cun desnivel acumulado de 2.100 metros e unha dificultade técnica media-alta. Como en ocasións anteriores, non haberá control de tempos nin clasificación final da totalidade, pero si se marcarán unha serie de tramos STRAVA, puntos concretos nos que se medirá o tempo que realizan ao pasar por eles os participantes.

A marcha cicloturista nace o amparo da Asociación Bici Verde, primeira en Galicia dedicada 100% a esta especialidade ciclista. Constituída como club desde o ano 2008, a súa finalidade é a de fomentar o uso da bici de montaña en todas as súas vertentes.