Jorge Campos, un artista do bonsái afincado en Baíña

Este próximo venres 5 de outubro inaugúrase na Cidade da Cultura, o IV Congreso Galego de Bonsái, e por primeira vez en Europa haberá unha exposición individual dun artista do bonsái, o artista é Jorge Campos. A exposición combina 5 das árbores da colección persoal de Campos, con 6 esculturas propias, que en conxunto crean un percorrido único onde o visitante poderá perderse no “Labirinto” e volver á “Orixe”.

Jorge Campos iniciouse no mundo do bonsái en 1980 en Arxentina, desde entón non parou de viaxar para aprender e profundar nesta arte milenaria que se iniciou en China, aínda que fosen os xaponeses os que o desenvolvesen en todo o seu esplendor. Desde hai anos reside na parroquia baionesa de Baíña, onde está a súa colección persoal, con 70 bonsáis no seu xardín.

Con estas dúas exposicións, “Labirinto” e “Orixe”, Campos combinou dúas disciplinas artísticas, a escultura e o bonsái, a luz xogará un papel fundamental á hora de contemplar as obras. Detrás destas dúas exposicións hai unha mensaxe clara por parte do artista, mostrar a súa obra máis aló dos afeccionados ao mundo do bonsái. Por este motivo o autor quixo afastarse do formato clásico das exposicións de bonsái e realizou unha montaxe no cal se resalta a obra de maneira conceptual.

Con esta exposición individual, que se realiza por primeira vez en Europa, Jorge Campos espera impulsar a outros artistas de bonsái para que comecen a mostrar a súa obra á sociedade. Ademais, con esta exposición Campos quere achegar o mundo do bonsái a un espectador novo, sensible ao mundo da arte. Bonsái é unha arte viva, a obra nunca está acabada, segue crecendo e evolucionando porque os coidados e o mantemento son necesarios toda a vida.

Jorge Campos, ademais de gañar numerosos premios, tanto españois como europeos, é un artista multidisciplinar xa que a fotografía e a pintura forman unha parte importante da súa obra. Ademais, desde hai 5 anos patrocina un premio de arte contemporánea en Vigo, algo que en palabras do autor “dáme unha visión máis ampla das cousas que se poden contar cun Bonsái”.

Anuncios