O programa “Camiño A Dentro” arranca este xoves en Baiona

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia desenvolverán nos meses de outubro e novembro “Camiño A Dentro”, un novidoso proxecto cultural con dez accións artísticas en distintos concellos da provincia polos que pasa o Camiño Portugués ou o Camiño Portugués pola Costa. Todos os eventos correrán a cargo de mulleres artistas de recoñecida traxectoria e inclúen desde música en vivo, poesía e teatro a instalacións artísticas, videocreacións, ilustración e fotografía.

Os actos desta iniciativa, desenvolvida a través de Turismo Rías Baixas e enmarcada no programa “O Teu Xacobeo”, empezarán en Baiona este xoves día 3 de outubro e rematarán o día 25 en Soutomaior. Dores Tembrás ofrecerá unha actividade de poesía e acción poética nos Xardíns da Casa da Navegación ás 18:30 horas. Este proxecto é unha crónica, o rexistro dun camiño que se repite idéntico durante anos. Trázase a través da palabra e a imaxe nunha cartografía moi precisa: mirada-investigación-escrita. A pregunta é a concreción dun latexar que alenta a reflexión. O encontro só ten lugar a soas.

Licenciada en Filoloxía Hispánica, Dores Tembrás (Bergondiño, 1979) desenvolveu a súa actividade como investigadora na Universidade da Coruña, publicando numerosos artigos sobre a obra poética de Alejandra Pizarnik en actas, revistas científicas e volumes colectivos dedicados á literatura hispanoamericana. En 2009 publicou o seu primeiro poemario, O pouso do fume, que quedou finalista xunto con Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza, na categoría de mellor libro de poesía nos premios da AELG 2010.

“Camiño A Dentro” ten como obxectivo poñer en valor o Camiño desde unha perspectiva cultural contemporánea, recoñecer o labor das mulleres artistas e propiciar o encontro coa comunidade local e os peregrinos e peregrinas. O programa continuará nos días seguintes sucesivamente en Redondela, Caldas de Reis, O Porriño, Oia, A Guarda, Pontevedra, Nigrán, Tui e Soutomaior.

O proxecto conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. A iniciativa está comisariada por Paula Cabaleiro, coordinadora tamén do programa “Mulleres en Acción.Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra. (As imaxes e a información sobre as artistas, accións, datas e lugares están dispoñibles nesta ligazón).

O Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinos e peregrinas en 2018 e en aumento constante nos últimos anos. O Camiño pola Costa, que cruza todo o litoral desde A Guarda deica Redondela, tamén rexistra un progresivo incremento de peregrinos e peregrinas, con 13.638 en 2018. Así, as dúas rutas vencelladas ao país veciño superan as 81.500 persoas ao ano en tránsito pertencentes a un grande abano de nacionalidades.

“Camiño A Dentro” afondará, cunha ollada cultural, na relación entre Camiño e territorio e na interacción entre a veciñanza e os peregrinos e peregrinas.

Anuncios