O vindeiro domingo día 6 de outubro ás 18:00 horas o Auditorio V Centenario de Baiona acolle “Folclore no Camiño”, un Festival do Patrimonio Inmaterial do Camiño de Santiago Portugués da Costa. Participarán a Banda de Gaitas Xarabal (Vigo), a Asociación Cultural A Seneira (Baiona) e o Rancho Folclórico do Sopo (Vilanova de Cerveira).
Este festival está organizado pola Asociación Cultural Interfolc, que organiza, desde o ano 1994, o Festival Folclórico Internacional de Vigo, no que se dá cabida a diferentes culturas e ofrécese unha oferta cultural que ata a data non existía en Vigo. A experiencia acumulada ao longo destes 25 anos facilita a organización dun festival inédito: Folclore no Camiño.
Unha experiencia que pon en valor o patrimonio inmaterial das poboacións polas que transcorre o Camiño de Santiago Portugués pola Costa. A Asociación Cultural Interfolc de Vigo está formada pola Asociación Folclórica Corisco, a Agrupación Lembranzas Galegas e a Banda de Gaitas Xarabal.

