Baiona estrea o Trofeo Príncipe de Asturias máis multitudinario dos últimos anos

Arrancou en Baiona a regata máis esperada da tempada de cruceiros en Galicia. O 37º Trofeo Príncipe de Asturias, organizado polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar, completou este venres a primeira das tres xornadas de competición, e fíxoo inaugurando os marcadores das clases ABANCA ORC 1, Volvo Autesa ORC 2, Aceites Abril ORC 3, Martin Miller ORC4.

Tal e como apuntaban os partes, o vento non faltou á súa cita na área de regatas situada no fondeadoiro de Cíes. Aínda que o fixo con menos intensidade da esperada, o Comité de Regatas puido completar a primeira proba barlovento-sotavento coa saída ao redor das tres e media fronte a Cíes, e fíxoo cunhas condicións de entre oito e dez nós de intensidade que foron minorando a medida que avanzaba a tarde.

Os monotipos, pola súa banda, non tiveron a mesma sorte e será mañá cando estreen as súas marcadoras na competición estrela da vela galega.

Portugal manda en ABANCA ORC 1

Na división ABANCA ORC 1 a primeira xornada do Príncipe resolveuse con vitoria para o portugués Xekmatt, liderado por Hugo e João Prista e representando á Asociación Naval de Lisboa. O IMX 45, que conta ademais co olímpico Afonso Domingos entre as súas filas, foi o terceiro en cruzar a liña de chegada en tempo real, pero en compensado lograron unha axustada vantaxe de menos dun minuto sobre o Magical de Julio Rodríguez (Real Club Náutico de Vigo), que se coloca segundo na xeral provisional.

Por detrás, o vencedor absoluto da pasada edición, o Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal (Real Club Náutico de Vigo), arrancaron a trixésimo sétima edición do Príncipe pechando o podio provisional no terceiro caixón.

“Estamos moi contentos co resultado de hoxe e a tripulación estivo moi ben”, comezou explicando Hugo Prista ao termo da xornada. O patrón do líder en ORC 1 engadiu tamén que “fai xa dez anos que conseguimos o noso primeiro e único título do Príncipe, polo que sen dúbida imos facer todo o posible para conseguilo de novo aínda que para iso tamén é necesario que os rivais o permitan”.

O Marías do Monte Real, primeiro en Volvo Autesa ORC 2

Igual de axustada estivo a división Volvo Autesa ORC 2 con tres equipos na cabeza separados por só un minuto e catorce segundos. O equipo local Marías, comandado por Manuel María Cunha, convertíase no primeiro líder da clase tras cruzar a liña en terceira posición e obtendo case un minuto de vantaxe sobre o segundo coa compensación de tempos.

O segundo posto ocúpao polo momento o Arroutado do Real Club Náutico de Portosín, liderado por José Manuel Pérez Santamaría, mentres que o terceiro posto é para o Yessito do Monte Real Club de Yates, que conta con tripulación lusa liderada por Rui Ramada.

A clase Aceites Abril ORC 3 arranca con dominio do Sailway

Tampouco estivo fácil a vitoria parcial para a división Aceites Abril ORC 3. O Sailway de Ramón Ojea (Club Marítimo de Canido) convertíase este venres no primeiro líder da xeral tras a disputa dunha apertadísima primeira manga.

Por detrás, a apenas 30 segundos dos de Ojea, a segunda posición da proba e por tanto da xeral foi a parar a mans do Urbapaz de José Francisco Edreira (Club Náutico Cabanas), que logrou superar ao portugués Milaneza de Diogo Talone por só un segundo.

Clase Martin Miller ORC 4

Non houbo sorpresas en Martin Miller ORC 4. O vigués Deep Blue 2.1 de Vicente Cid inaugurou a clasificación posicionándose no máis alto, aínda que o fixo cunha Alma do mar by Sadamar de José Manuel Enríquez (Club Náutico Cabanas) apertando no segundo posto a tres segundos dos de Cid.

A terceira posición, pola súa banda, foi este venres para o Unus de Luis García Trigo, tamén do Real Club Náutico de Vigo.

Xornada en branco para Solventis J80 e Gestilar Ladies Cup

Menos sorte tiveron os participantes das clases Solventis J80 e Gestilar Ladies Cup. Aínda que os partes meteorolóxicos apuntaban a que sería unha boa xornada de vento, Eolo non chegou a establecerse nin no campo de regatas situado en cabo Silleiro nin no interior da baía de Baiona, polo que despois de varios intentos e cunha proba xa en marcha o Comité de Regatas viuse obrigado a dar por finalizada a xornada sen que se puidese completar as primeiras probas programadas.

Alfredo González, tripulante do J80 GP Bullhound e recentemente proclamado campión do mundo de Snipe en Cascais, explicaba tras regresar a terra que “aínda que o vento estaba moi difícil, o Comité fíxoo moi ben e puidemos ter un bo intento que nos serviu para ver que barcos van estar diante. Nós vimos co obxectivo de poñernos en sintonía de fronte ao Mundial de Newport, gañar ou non gañar vai depender de como o fagamos, aínda que non é o noso obxectivo principal agora”.

Será mañá sábado por tanto cando os monotipos inauguren o seu programa de competición para pelexar polo trixésimo sétimo Príncipe de Asturias.

Mañá, segunda xornada de regatas e entrega dos prestixiosos Premios Nacionais de Vela

Mañá sábado, á frota que xa se estreou hoxe no campo de regatas sumaranse as tamén as categorías Gadis ORC 5 e Vanguard ORC Open, que inaugurarán os seus marcadores completando a primeira das dúas regatas costeiras coas que contan no seu programa.

Coas oito categorías en liza, serán en total oitenta e nove os equipos que se botarán á auga para pelexar por un dos títulos máis ansiados da tempada de cruceiros en Galicia. Entre a frota de Open estará un ano máis o equipo de vela adaptada do club cunha tripulación do Centro Juan María de Nigrán.

A xornada, ademais, estará protagonizada pola celebración da gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda. Ás 20:00 horas, o village do Monte Real acollerá unha nova edición dos prestixiosos premios, onde se reunirán os mellores deportistas e equipos da tempada. Asistirán á gala José María Fonseca Moretón, presidente de Terras Gauda; José Luis Álvarez, presidente do club baionés; o Capitán de Navío Pedro Cardona, Comandante Director da Escola Naval; Walter Álvarez, director territorial de ABANCA; Gorka Gómez, deputado de Deportes; Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta en Vigo; e Carlos Gómez, alcalde de Baiona.

O 37º Trofeo Príncipe de Asturias celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar e grazas ao patrocinio de ABANCA, a Xunta de Galicia a través do Xacobeo, Terras Gauda e Gestilar. A competición conta, ademais, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona; as Reais Federacións Española e Galega de Vela; e o apoio de empresas como Solventis, Volvo Autesa, Aceites Abril, Zelnova Zeltia, Paradores, Vanguard Marine, Gadis, Foxy, Onda Cero, Musto, o grupo Solitium, HOLA, Tuypan, Coca Cola e Martin Miller’s Gin.