Sin categoría

Gondomar pon en marcha un obradoiro interxeracional dirixido ás familias

O goberno municipal de Gondomar, a través da súa Concellería de Xuventude, desenvolverá durante o mes novembro unha nova actividade dirixida a fomentar o intercambio interxeracional e as actividades familiares. Así dentro do programa “Tecendo Lazos”, que promove a Deputación Provincial de Pontevedra, poñerase en marcha o obradoiro “Faino ti”.

Os participantes, cuxas idades poderán abarcar entre os 6 e 99 anos, poderán realizar manualidades de modelado e pintado con obxectos reciclados, empregando para iso diferentes técnicas. Desta forma trabállase o respecto polo medio ambiente á vez que se busca que grandes e pequenos, a ser posible integrantes da mesma familia (avós/as, pais, nais e pequenos/as) poden intercambiar experiencias e pasar un bo intre xuntos.

A actividade desenvolverase todos os sábados do mes de novembro entre as 10:30 e as 13:30 da mañá no Centro Neural do Concello de Gondomar. Todos os interesados poderán inscribirse ata o 24 de outubro, cubrindo unha solicitude que se poderá descargar na páxina web www.concellodegondomar.gal, ou recoller na OMIX, e que deberá presentarse posteriormente no rexistro municipal.