Acción solidaria de Gadis a favor da protectora de animais Bai.senpulgas

Supermercados Gadis puxo en marcha a campaña solidaria “Alimenta a amizade”, que ten como obxectivo cooperar con 33 asociacións protectoras de animais de Galicia e Castela e León, entre elas a miñorana Bai.senpulgas. Ata o próximo 10 de outubro, a compañía habilitará un espazo en 193 puntos de venda para que os clientes poidan depositar produtos destinados a cubrir as necesidades de hixiene e alimentación dos cans e gatos abandonados. Gadis sumará unha achega do 20% do total que doen os seus clientes nos establecementos de ambas as dúas comunidades autónomas.

Ata o próximo 10 de outubro, membros da protectora Bai.senpulgas recollerán no Gadis do Centro Comercial de Ramallosa latas de comida seca ou húmida para gatos e cans, fregasuelos, area para gatos, lixivia, deterxente para roupa, suavizante, luvas desechables, bolsas para recoller cacas, empapadores e recolledores de lixo. Todo será ben recibido.

A empresa formaliza con esta campaña a colaboración que veu ofrecendo a diferentes asociacións protectoras durante os últimos anos. A petición de apoio foi unánime por parte destas entidades debido á situación que atravesan ante o continuo incremento do número de cans e gatos que son abandonados a diario.

Sensibilizar á sociedade sobre a responsabilidade no coidado das mascotas é outro dos vértices desta acción coa que Gadis mostra, unha vez máis, a súa faceta solidaria buscando a implicación dos clientes. Coa súa doazón contribuirán a paliar as actuais carencias das 33 entidades, que proporcionan coidados a máis de 5.000 animais nas súas instalacións das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; Valladolid, Palencia, León, Salamanca, Ávila e Zamora.

A campaña “Alimenta a amizade” coincide coa conmemoración do Día Mundial dos Animais o 4 de outubro. GADISA mantén así o seu compromiso co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) promulgados en setembro de 2015 polas Nacións Unidas e en consonancia coa Axenda 2030 marcada pola propia organización. Entre as metas da empresa de distribución figura o apoio a ONG’s e entidades sociais, coas que se traballa conxuntamente a través da realización de 2.130 accións anuais.

Anuncios