As 20 persoas con autismo que percorren o Camiño Portugués da Costa finalizan en Baiona a 5ª etapa

No marco do proxecto da Fundación Menela “Xacobeo Autismo. Un camiño de todos”, financiado polo programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Xunta de Galicia, e que conta co apoio do Concello de Nigrán, hoxe as 20 persoas con TEA do Centro Castro Navás de Priegue finalizaron a etapa 5 do Camiño Portugués da Costa (Silleiro – Baiona) e chegaron ao Concello de Baiona onde foron recibidos polo alcalde desta vila mariñeira, Carlos Gómez, e a concelleira de Benestar Social, Concepción Vara.

Nesta 5ª Etapa, a Fundación achegou unha guía de Accesibilidade Cognitiva co fin de que, desde o Concello de Baiona, poidan contribuír a construír e lograr unha sociedade máis xusta e solidaria, tendo desde a súa posición a responsabilidade de promover unha cultura a favor da eliminación de todo tipo de barreiras.

Mañá despediranse de Baiona e continuarán ata A Ramallosa acompañados polos centros Juan María, o grupo de animación sociocultural adultos do IES Primeiro de Marzo, Avelaíña Baiona e Avelaíña Condado Paradanta e alumnos de 6º do CEP Sabarís. Partirán ás 10:30 desde a Oficina de Turismo da Real Vila.

“Xacobeo Autismo. Un camiño de todos” ofrece a 20 persoas con TEA do Centro de Adultos Castro Navás – Fundación Menela a oportunidade de vivir e compartir a experiencia dun tramo do Camiño Portugués da Costa, gozar da súa beleza paisaxística e dun espazo de lecer para coñecer máis de preto a nosa cultura, arte, patrimonio e gastronomía. Esta iniciativa facilitou, ao mesmo tempo, visibilizar e achegar o Autismo a sociedade, e dar a coñecer os servizos e programas da Fundación Menela para as persoas con TEA e as súas familias.