35 voluntarios retiran 800 kg de residuos dos ríos Miñor, Zamáns e Morgadáns

Un total de 35 voluntarios participaron este domingo en Gondomar na XII Limpeza Simultánea “Móllate polos Ríos”, incluída no “Proxecto Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega. Trátase dun programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, mostrar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

O Concello de Gondomar e a Asociación Ecoloxista A Groba uníronse un ano máis para retirar nesta ocasión un total de 800 quilos de residuos das ribeiras e do leito do río Miñor e as desembocaduras do Zamáns e do Morgadáns. Divididos en cinco grupos, recolleron principalmente plásticos, vidro, obxectos metálicos, sen faltar os clásicos pneumáticos. Pablo Casal, coordinador de Proxecto Ríos, apuntou que se atopou menos lixo que outros anos, destacando que “o labor de concienciación penso que tivo resultados”. Con todo matizou que o máis preocupante son os restos de plásticos de hai moitísimos anos “que aínda estamos a sacar agora”.

Esta XII Limpeza Simultánea “Móllate polos Ríos” celebrouse este ano no medio centenar de concellos de toda Galicia. A limpeza de ríos chegou en Gondomar á décima edición. Ao longo destes anos centos de voluntarios retiraron máis de 10 toneladas de lixo de diferente orixe, nomeadamente nos treitos finais do Zamáns e Morgadáns e no comezo do Miñor. No 2015 comezouse a retirar tamén algunhas plantas invasoras dos camiños anexos.

Anuncios