O novo goberno de Baiona rexeita tamén o novo parque infantil xunto á Casa Rosa

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, saíu ao paso das críticas vertidas polo ex rexedor Ángel Rodal sobre a renuncia á execución da área de workout, petanca e merendeiro de 1.000 metros cadrados que iría situado na Avenida Praia Ladeira polos gastos de mantemento anuais derivados da súa construción. Gómez explicou que mandaron unha alegación á Xunta para solicitar un informe de custos ao que lles responderon que o importe roldaría os 8.000 euros cada doce meses. Unha cifra que segundo aseguraron desde o Concello é “inasumible para as arcas municipais, tendo en conta que na actualidade estamos a ter dificultades para manter a totalidade dos espazos públicos do municipio”.

A execución da iniciativa exposta polo anterior goberno ascende a 58.000 euros dos cales a Xunta financiaría o 80% a través de fondos provenientes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER, mentres que o 20 restante correría por conta das arcas municipais. “Temos que ter claro que o actual equipo de goberno ten outro tipo de prioridades que tiña o PP”, explicou. Nesta liña o rexedor aclarou que polo momento se centrarán no mantemento de camiños da totalidade do municipio “antes que executar proxectos que a medio prazo non poderiamos manter” e aproveitou para exemplificalo coa fase 1 da senda fluvial de Baredo. “O proxecto executouse hai ano e medio por un valor que roldaba os 240.000 euros e a día de hoxe comeza a mostrar signos de deterioración”, asegurou.

En canto á renuncia da construción do parque infantil que iría situado a escasos metros da “Casa Rosa”, Gómez explicou que tanto el como o seu equipo de goberno consideran que se trata dunha zona moi exposta ao tráfico e “por tanto pouco segura para os nenos” co que optaron por declinar a proposta. “Ademais de atoparse flanqueado por dúas estradas e estar situado moi preto dunha rotonda existe un espazo de xogo a pouco máis de 100 metros do solar onde iría situado”, finalizou.

Anuncios