Sin categoría

Nigrán abre o luns o prazo de inscrición para dous cursos gratuítos de “Tecendo Lazos”

O Concello de Nigrán, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, organiza os cursos “Campionato de xogos con risas aseguradas” e “Manualidades de moldeado e pintado con obxectos reciclados” no contexto do programa “Tecendo Lazos”, sendo o prazo de inscrición dende o luns 30 de setembro ao 18 de outubro. Ambos son gratuítos.

Os cursos terán unha duración de 16 horas e desenvolveranse nas seguintes datas e lugares:
“Campionato de xogos con risas aseguradas”. Lugar de impartición: Centro da 3ª Idade. Datas de impartición: do 6 de novembro ata o 27 de novembro (mércores e venres). Horario: das 17:00 horas ás 19:30 horas.

“Manualidades de moldeado e pintado con obxectos reciclados”. Lugar de impartición: Local da Asociación de Veciños de Priegue. Datas de impartición: do 4 de novembro ata o 5 de decembro (luns e xoves). Horario: das 18:00 horas ás 19:30 horas.

Os cursos están destinados prioritariamente a persoas empadroadas en Nigrán. Terán preferencia as persoas que formen parte da mesma familia, se inscriban xuntas e pertenzan a diferentes xeracións (netas e netos, avoas e avós, fillas e fillos…). Poderán participar menores a partir de 6 anos.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude no rexistro xeral do Concello acompañada da seguinte documentación: fotocopia do DNI, autorización do pai, nai ou persoa responsable do menor (menores de 12 a 17 anos non acompañados) e fotocopia de volante de empadroamento. Para máis información, na Oficina de Atención Cidadá, teléfono 986 365 000.