86 alumnos de Royal Celtic Bay reciben os seus diplomas do Trinity College de Londres

O alcalde Baiona, Carlos Gómez, fixo entrega este venres dos diplomas ISE aos alumnos do centro examinador oficial de referencia do inglés do Val Miñor, Royal Celtic Bay, membro de FECEI (Federación Española de Centros de Ensino de Idiomas), baixo a dirección de Loreto Valenzuela Lenda. “Este evento é moi especial para Royal Celtic Bay pois pecha todos os actos coincidindo co 30 aniversario do primeiro centro fundado en Baiona”, destacou a directora.

Trátase de 86 alumnos e alumnas que se examinaron nas catro destrezas esixidas a nivel universitario para a obtención de calquera grao, nos niveis B1, B2 e C1. Estes certificados convertéronse nun pasaporte para acceder a títulos universitarios, a bolsas de Erasmus, estudos de posgrao ou master, traballar na administración pública ou simplemente para optar a un posto de traballo mellor.

Os certificados de inglés ISE de Trinity College London están recoñecidos en España polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes ( MECD) e, concretamente, o certificado ISE é recoñecido por todas as comunidades autónomas.

Este exame oficial do Trinity College London, está calibrado externamente co marco común europeo de referencia ( EQF). O Trinity College London e os seus exames gozan da acreditación oficial de OFQual. Á súa vez os exames ISE forman parte do cadro de certificados para a acreditación de niveis da CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) e da ACLES (Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior)

Tamén participaron no acto, ao que asistiron familiares e amigos dos alumnos e alumnas, a concelleira de Cultura, Miriam Mar Costas, o concelleiro de Educación, Óscar Carreño, o presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, e Albert Langtry, representante de Trinity College London.