Parada celebra esta fin de semana a segunda edición do Metalfest

Os vindeiros días 26 e 27 de setembro, no torreiro vello de festas de Parada, Nigrán, vaise a celebrar a segunda edición do Parada Metalfest, o único do Val Miñor para os amantes do Metal en todas as súas variantes.

O venres actuarán a partir das 22:00 horas Zona Zero, Teresacto e Kalambrazo.

Zona Zero, é unhas das bandas máis veteranas do panorama vigués, tras 18 anos percorrendo estradas e dando concertos e con un disco gravado “La Ira de los Mansos”, achégase a Parada coas súas letras cheas de contundencia e melodía e cunha actitude combativa que é a marca desta banda.

Teseracto veñen do Concello de Mos, banda formada no 2015, este ano foron finalistas do Concurso Sonidos Mans 2019. Definen a súa musica como un estilo power core, cheo de riffs contundentes e letras intensas e profundas.

Kalambrazo, é unha banda local de Nigrán, presentarán o seu rock intuitivo, regalando versións de temas coñecidos así como outros propios, os seus compoñentes son Mauro, Polo, Crispin e Pablo.

O sábado dende as 20:00 horas actuarán Sulf-Atar, Brutal, Kuna de Odio, Salvaje e Lapsus Mentis.

Sulf-Atar é unha banda ponteareán de agrometal, caraterizada por uns riffs variados e potentes acompañados por unha moi traballada posta en escena. Os seus integrantes son Makoie á voz, Stoura e Jons ás guitarras, Nerkaten á batería e Devil ao baixo.

Brutal, é unha banda mítica da escena pontevedresa, despois de compartir escenario con bandas como Soziedad Alkoholika ou Beer Morsh e de tocar en grandes festivais no País Vasco e en Madrid, veñen a presentarnos o seu ultimo traballo “Grita más Fuerte”.

Kuna de Odio, é un enxendro de laboratorio, tal e como eles se definen, repiten no cartel e aproveitarán para presentar o seu novo frontman Markos. Os asistentes van recibir de Kuna unha boa ración de death metal de sanación e meditación.

Salvaje é unha banda de Vigo, formada por tres amigos no 2014, cunha soa intención, dar a coñecer as súas inquedanzas a través da musica, unha das súas premisas é tocar, tocar e tocar. Séntense influenciados por estilos como o hardcore, punk, stoner ou o rock.

Lapsus Mentis son outros que repiten cartel, grupo vigués formado no 2010, déixanse influenciar polo metal en xeral e o thrash metal dos oitenta en particular. O seu repertorio esta formado por temas propios, baseados na critica social, en 2017 gravaron o seu CD “Traición a la Verdad”.

Os asistentes dispoñerán de servizo de cantina e bocadillos a prezos módicos, así como os que o desexen poderán mercar distinto material das diferentes bandas.

Anuncios