A EEI O Areal de Baiona incorpórase ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade desta consellería, para o curso 2019/20. Ao abeiro desta orde, incorpóranse ao programa un total de 28 centros públicos en toda Galicia e outórganse axudas aos restantes 652 centros que formaban xa parte do PLAMBE. Na provincia de Pontevedra incorpóranse ao programa 13 centros, EEI O Areal de Baiona, IES Monte da Vila de O Grove, IES de Meaño, CEIP de Petelos de Mos, CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén, CRA A Picaraña de Ponteareas, IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, IES Illa de San Simón de Redondela, CEP Carlos Casares de Salvaterra de Miño, CEIP Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, CMUS Superior de Vigo e IES A Guía de Vigo.

Incorporación e continuidade

Cunha dotación orzamentaria de 1.340.000 euros, a convocatoria ten como obxectivo o apoio aos novos centros que se sumen ao programa, así como a continuidade por parte dos centros que se foron incorporando nas anteriores convocatorias.

As axudas para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. Á hora da selección dos centros, a Consellería dá preferencia, en igualdade de puntuación, a aqueles situados no ámbito rural.

No caso dos centros incorporados con anterioridade, os que o fixesen entre 2005 e 2010 poderán recibir asignacións para fondos; os que se integrasen entre 2011 e 2013 recibirán asignacións para fondos e para mobiliario e outros equipamentos; os centros integrados entre 2014 e 2017 recibirán contías para fondos; e os incorporados en 2018 para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

A biblioteca como espazo de dinamización e inclusión

O PLAMBE ten como obxectivo incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, no que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI.

Anuncios