Últimos días para inscribirse na “DepoRuta BTT” da Deputación por Nigrán

Ata o mércores 25 de setembro estará aberto o prazo de inscrición para a terceira proba das “DepoRutas BTT” da Deputación de Pontevedra, que se celebrará o domingo 29 polo concello de Nigrán e terá un percorrido circular de 40,2 quilómetros.

Máis polo miúdo, a DepoRuta BTT de Nigrán ten como punto de saída e chegada o campo de fútbol de Chandebrito. A ruta iniciarase con continuas subidas e baixadas e unhas vistas espectaculares da vila de Nigrán e a ría de Vigo, para chegar logo aos parques forestais de Saians e Coruxo. No quilómetro 19 os participantes terán o avituallamento da ruta, para encarar a segunda parte do itinerario, cun perfil máis esixente que os levará a ascender o monte de Coruxo ata o seu punto máis alto. A continuación haberá un pequeno descenso antes de afrontar a parte máis dura do percorrido, que levará aos participantes a coroar o Parque Forestal Monte Alba-Cepudo, presidido pola Igrexa de Nosa Señora do Alba, unha contorna que ofrece unhas vistas espectaculares da cidade de Vigo.

Tras a cita de Nigrán, a seguinte DepoRuta BTT terá lugar o 20 de outubro en Salceda de Caselas. E, por último, o 27 de outubro será a quenda da DepoRuta BTT de Cangas.

O programa «DepoRutas BTT» ofrece cinco rutas totalmente gratuítas e cun máximo de 300 participantes en cada unha delas. O obxectivo da iniciativa da Deputación de Pontevedra é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza.