Nigrán e Baiona suman máis de 7.200 tarxetas de transporte metropolitano

O Plan de transporte metropolitano de Galicia permitiu bonificar os oito primeiros meses deste ano case 2,1 millóns de viaxes en autobús e barco na área de Vigo, un 1,5% máis que no mesmo período do ano 2018.

O servizo de autobús interurbano nesta área segue así a sumar usuarios da tarxeta de transporte metropolitano, que se benefician de viaxes bonificadas nos seus percorridos coa utilización dos case 53.500 dispositivos activos.

En canto aos núcleos de poboación que rexistran máis usuarios con dispositivos con viaxes bonificados, o Concello de Vigo se sitúa en primeiro lugar con 18.524 tarxetas de transporte metropolitano, seguido de Cangas, con 12.572, e Moaña con 5.698. Os concellos de Redondela, Nigrán, O Porriño e Baiona, con 4.275, 3.940, 2.984 e 3.295 dispositivos, respectivamente, seguen a senda de crecemento de usuarios beneficiados polas viaxes bonificados.

Nesta área os percorridos que rexistran máis viaxes se corresponden cos traxectos ida e volta entre Vigo e Cangas, sumando 728.400, seguido das conexión entre Vigo e Nigrán, con 253.400. Destaca tamén o traxecto entre Moaña e Vigo, que rexistra máis de 121.000.

Tarxeta Xente Nova

No balance da evolución do transporte metropolitano cabe salientar tamén os máis de 162.000 viaxes en autobús realizados polos usuarios das máis de 13.500 tarxetas Xente Nova activas, que permitiron aos menores de 19 anos viaxar de xeito gratuíto nos autobuses metropolitanos.

Os mozos que máis viaxes gratuítos realizaron coa tarxeta Xente Nova proceden dos municipios de Vigo, con máis de 5.600 dispositivos e Cangas, con máis de 2.200, aos que lle seguen os rapaces de Moaña e Redondela con preto de 1.500 e de 1.100 dispositivos, respectivamente.

Transporte rutas Cangas e Moaña

Cómpre facer mención específica tamén á implantación da tarxeta metropolitana no transporte na ría de Vigo, que segue mantendo a interese dos usuarios das rutas Cangas-Vigo e Moaña-Vigo, que no último ano superaron os 770.000 viaxeiros neste período. Máis en concreto, nos primeiros oito meses deste ano a ruta Cangas-Vigo acadou case os 620.000 viaxeiros, e a ruta Moaña-Vigo superou os 150.000.

Plan social de transporte

O Plan de Transporte Metropolitano é un programa social impulsado pola Xunta que persegue fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito importante, á economía das familias.

Este plan, que mediante o uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano permite descontos medios do 50% nas viaxes interurbanas, achegando a Xunta de Galicia o 80% do financiamento desas bonificacións no prezo do billete e o conxunto dos concellos o 20% restante. A administración autonómica custea tamén as bonificacións adicionais do 15% que se aplican a usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, así como os descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.

Tamén é de especial interese para os mozos e mozas a medida posta en marcha pola Xunta en agosto de 2016, a tarxeta Xente Nova, coa que o transporte interurbano metropolitano é gratis para os menores de 19 anos.

Extensión dos beneficios a toda Galicia

Actualmente, a Xunta está a traballar na renovación e renovación integral de todas as liñas de autobús interurbano da Comunidade, que se desenvolverá a través da implantación do Plan de Transporte Público de Gailcia, que culminará en 2020.

Esta iniciativa prevé a extensión a toda Galicia das vantaxes do Plan de transporte metropolitano e da Tarxeta Xente Nova, pola que os menores de 19 anos viaxan de balde no transporte interurbano.