Curso de “Actividades para técnicas de venda” dirixido a desempregados de Nigrán

O Concello de Nigrán, en colaboración con radio ECCA, ten prevista a realización dun curso de “Actividades para técnicas de venda”, subvencionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dirixido de forma prioritaria a persoas desempregadas e empadroadas no municipio. Neste curso, o alumnado adquirirá os coñecementos necesarios para mellorar o seu perfil profesional para traballar no sector dos supermercados e grandes superficies.

Esta actividade implica unha moi boa oportunidade para as persoas interesadas neste tipo de formación e emprego, non só pola súa calidade, senón tamén polo importante aforro económico que supón o financiamento completo da mesma a través da subvención autonómica.

Esta actividade terá unha duración de 170 horas en modalidade semipresencial: 20 de carácter teórico nas instalacións do Centro Antena e 150 que o alumnado realizará a distancia, e ten previsto o seu inicio o 17 de outubro de 2019, ofertándose un total de 10 prazas.

As persoas interesadas en participar, deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal do 23 ao 30 de setembro, cubrindo unha instancia e unha enquisa de selección que estará a súa disposición no Servizo de Información, no Centro Antena Municipal, no Departamento de Desenvolvemento Local de Nigrán e, sempre que sexa tecnicamente posible, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello, achegando a totalidade da documentación que se indica en dita solicitude. Aquelas persoas que posúan a acreditación dixital correspondente, tamén poderán inscribirse mediante a propia plataforma da Sede Electrónica municipal.

Para ampliar esta información, pódese contactar co Departamento de Desenvolvemento Local, no 986 365 000 (extensión 7) e co Centro Antena no teléfono 986 366 572 ou formular consultas a través dos correos electrónicos tle.nigran@nigran.org, orlaboral@nigran.org e centroantena@nigran.org, facendo constar sempre un teléfono de contacto para facilitar a comunicación e resposta.

Anuncios