Baiona chama a toda a veciñanza para virar a noite violeta

O Concello de Baiona súmase ao “Estado de Emerxencia Feminista 20 S” iluminando a Casa Consistorial de cor violeta. Tamén se fará unha manifestación que sairá dende a Praza do Concello e percorrerá as rúas do casco vello, este venres 20 de setembro, ás 21:00 horas.

Esta semana comezou cun acto miserable, froito da lacra machista, tres mulleres asasinadas diante de dous nenos que observaban coma seu pai acababa coa vida da súa nai, a súa avoa e a súa tía. Un día despois outro ser miserento asasinaba a outra muller tamén diante das súas fillas.

Este ano estamos a bater récords nas peores das marcas, xa son 41 mulleres asasinadas segundo cifras oficiais aínda que sabemos e sentimos que son moitas máis.

Este venres sairemos á rúa para virar a noite violeta, na memoria das que non están, como mostra de apoio ás que sofren a violencia machista e en repulsa cara este tipo de actos de violentos.

Esta convocatoria xurde por un incremento dos asasinatos e violacións durante o período estival, solicitando máis medidas para a loita contra a violencia machista.