Ribeira Sacra, novo asalto para Alberto Meira e o triunfo

O Rallye Ribeira Sacra marca o inicio da recta final do Campionato Galego de Rallyes, e o equipo AMF Motorsport chega disposto a lograr algún triunfo parcial en chan galaico. Alberto Meira, José Murado e o Citroën DS3 R5 volverán á carga para borrar o mal sabor de boca que deixou o pasado Rali Botafumeiro, onde o equipo viuse obrigado ao abandono.

A pesar das poucas opcións ao título absoluto, Meira non tira a toalla mentres a calculadora non diga o contrario, aínda así a mentalidade é a das vitorias parciais e conseguir polo menos o subcampionato. O Ribeira Sacra é un rallye que o de Gondomar gañou unha vez nas sete edicións disputadas, concretamente en 2016, e en 2017 a rotura dun palier privoulle de pelexar o triunfo fronte á exótica presenza do xaponés Hiroki Arai.

“Sen dúbida vai ser un rallye duro debido ás inclemencias meteorolóxicas que se prevén para esta fin de semana, pero tamén é algo que nos beneficia, pois en condicións de auga as prestacións dos distintos R5 iguálanse algo máis, así que imos tratar de aproveitar esta situación. O tramo de Sober, a novidade deste ano, tamén pode ser unha das claves onde se abran maiores diferenzas”, comentaba o de Vincios.

Tres tramos a triplo pasada, cos habituais San Miguel e Vilanova terminando no centro neurálxico da proba, Luintra, e o mencionado tramo de Sober en territorio lucense serán os que definan quen leva o gato á auga na antepenúltima cita do ano, con Castro de Beiro abrindo o pano o venres como vén sendo costume.