Retiran máis de 7.000 litros de licores depositados na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra

Durante a mañá de hoxe, unha empresa autorizada para a xestión de residuos retirou algo máis de 7.000 litros de distintos licores que estaban depositados nas dependencias da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra ao dispor da Delegación de Aduanas e Impostos Especiais.

Trátase de licores, fundamentalmente augardentes de fabricación artesanal, que foran intervidos durante os tres últimos anos nesta provincia por mor das actuacións fiscalizadoras que veñen realizando as Patrullas Fiscais e Fronteiras da Garda Civil, naqueles locais e establecementos onde se comercializan produtos que, como o alcol, están sometidos á normativa que regula o Regulamento dos Impostos Especiais.

Con motivo destas inspeccións aleatorias interviñéronse un total de 7.329 litros de distintos licores, a maior parte deles augardentes de fabricación artesanal, que carecían das preceptivas etiquetas e precintas fiscais que puidesen determinar a súa trazabilidade, segundo prevén a lexislación vixente.

Entre todas as inspeccións realizadas, sobresae a incautación dunha partida de máis de 1.000 litros de bagazo clandestino e un alambique de 400 litros, que levouse a cabo o mes de agosto do ano pasado nunha adega do municipio de Valga.

Unha vez resoltos os expedientes sancionadores incoados pola Delegación de Aduanas e Impostos Especiais como consecuencia das denuncias formuladas no seu día polas Patrullas Fiscais, todos os licores intervidos que permanecían depositados nas dependencias desta Comandancia ao dispor da autoridade competente, foron retirados esta mañá por unha empresa autorizada na xestión de residuos para o seu traslado e posterior destrución na provincia de Lugo.

Anuncios