Nigrán súmase á campaña #EmerxenciaFeminista

O Concello de Nigrán súmase á campaña #EmerxenciaFeminista promovida dende diferentes organizacións de mulleres de todo o país cunha concentración de denuncia da violencia machista este venres 20 de setembro ás 21:00 diante da Casa Consistorial e iluminando de violeta a mesma. Dende o Concello faise un chamamento a toda a veciñanza para que se sume e se visibilice o rexeitamento de Nigrán a todo tipo de violencia machista. Ademais, no vindeiro pleno ordinario do 30 de setembro o goberno local levará unha moción ao respecto co obxectivo de que a aprobe toda a corporación e facer institucional este apoio.

A campaña #EmerxenciaFeminista está promovida en Galicia, entre outras, pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Rede Galega pola Igualdade, Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega, Sociedade Galega de Sexoloxía, soño de Lilth, Teenses pola igualdade, Foro feminista Maruxa Mallo, Asociación Viúvas Demócratas de Vigo, Colectivo Feminista Pontevedra, Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, así como a agrupación Comando Igualdade, e outras que se poderán ir sumando; todas elas en repulsa contra os asasinatos de mulleres e a violencia machista.

O verán de 2019 será recordado como un verán negro, o pasado mes de xullo, cada dous días, unha muller foi asasinada e, nesta mesma semana no municipio pontevedrés de Valga acontencía un triplo crime machista e en Madrid un asasinato doutra muller tamén diante dos seus fillos. Por este motivo, a campaña non é unha alerta, é unha declaración de emerxencia feminista.

Anuncios