Gondomar súmase un ano máis ao “Proxecto Ríos” cunha limpeza no Zamáns e o Miñor

O Concello de Gondomar adhírese un ano máis ao “Proxecto Ríos” e a limpeza simultánea “Móllate polos ríos”, que os seus organizadores, a asociación ambiental ADEGA, desenvolverán o próximo 29 de setembro en diferentes municipios de Galicia. Coa axuda de voluntarios e voluntarias de cada municipio procederase á retirada de lixo dos cursos fluviais.

Dentro da aposta clara do goberno local por fomentar iniciativas que permitan defender o medioambiente e a contorna natural, este ano colaborará nesta nova limpeza dos ríos do municipio, animando tamén aos veciños e veciñas a sumarse á limpeza prevista nos caudais do Zamáns e o Miñor.

A limpeza comezará ás 10:00 da mañá do domingo 29 de setembro, e o punto de encontro será o antigo Matadoiro.

Os interesados en participar poderán inscribirse no correo pcasal@puntodeporte.com ou ben chamando ao teléfono 627 276 816, onde deberán deixar o seu nome e apelidos completos, un teléfono e correo de contacto, e o DNI. No caso de menores de 18 anos deberán ir acompañados por un adulto que se responsabilice deles.

Anuncios