A Biblioteca de Nigrán acolle o espectáculo “Vén a conto” de Raquel Queizás

A zona infantil da Biblioteca Pública Municipal de Nigrán acollerá este xoves 19 de setembro ás 18:00 horas o espectáculo “Vén a conto” de Raquel Queizás. Trátase de contos para educar a intelixencia emocional dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos. O sol loce sobre un fermoso ceo violeta. A señora Teresa almorza galletas sen présa, mentres lembra unha brincadeira de cando era nena. Aldariña prepara a mochila cos libros e o medidor de insulina para ir ao cole axiña. Pedro quedou durmido co libro pegado ao couquizo… Comeza o día en vila Conto. Os paxaros libro cantan: “Había unha vez”. Xogo a que Conto se chama esa vila na que eu moro, onde os paxaros libro me contan historias dos veciños e as veciñas. Historias para vencer a soidade, para resolver conflitos de forma positiva, para gañar amigos e perder inimigos. Todas e todos merecemos unha oportunidade para ser mellores…

Anuncios