O Vigo-Rías Baixas e Samuel Blanco buscan a súa segunda coroa na Volta a Galicia

Tres anos despois de conseguir un éxito inesquecible, a sociedade formada polo Vigo-Rías Baixas e Samuel Blanco volve aspirar ao máximo na Volta a Galicia. Desde este xoves o ciclista redondelán liderará á estrutura presidida por José Luis Chamorro na última gran cita do calendario Elite e Sub23. O gañador da rolda autonómica en 2016 dispoñerá dun equipo reforzado con importantes fichaxes para afrontar unha carreira reservada a escaladores puros.

O trazado da décimo oitava edición da Volta é o máis duro que se lembra e para o Vigo-Rías Baixas tamén é o máis especial. As dúas primeiras xornadas, unha contrarreloxo por equipos e unha montañosa etapa, terán como escenario Baiona, a localidade na que este club celebra cada ano a súa presentación oficial. Correr en casa será unha motivación extra para os ciclistas flúor.

Blanco, cuarto na clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), terá como compañeiro de equipo ao corredor que ocupa a quinta posición nesta clasificación. O murciano Miguel Ángel Ballesteros, gañador o pasado domingo do Memorial Rogelio Acuña en Pontevedra, disputará a rolda galega co Vigo-Rías Baixas, cedido polo Valverde Team.

A outra incorporación do conxunto olívico nas últimas semanas é o vasco Íñigo González, que xa defendeu os intereses do equipo que preside Chamorro na Volta á Provincia de Valencia. Alí non coincidiu con Carlos Cobos, que se atopaba competindo en China. O estremeño adxudicouse a xeral de Circuíto de Xingtai profesional e tras a súa aventura asiática regresou á disciplina do Vigo-Rías Baixas. A aliñación complétana Gabriel Ochando, David Domínguez e Sergio Álvarez.

Os dous días da Volta en Baiona terán continuidade o sábado no concello coruñés de Curtis, cunha etapa de media montaña, e o domingo na localidade lucense de Viveiro, co final no alto de San Roque como xuíz definitivo desta rolda. Un percorrido sen tregua.

Desde a vitoria na xeral de 2016 con Blanco, o Vigo-Rías Baixas non deixou de acumular alegrías na gran carreira autonómica. En 2017 conquistou unha etapa e o pasado ano sumou dous triunfos parciais.

Anuncios