A Garda Civil detén a un mozo de Gondomar por dous roubos en domicilios

A Garda Civil detivo a un mozo de Gondomar, de 23 anos, como suposto autor de dous roubos cometidos en senllos domicilios, no mesmo municipio, e recuperáronse os efectos subtraídos nas dúas vivendas.

O primeiro dos roubos cometeuse a finais do pasado mes de xullo, nunha vivenda habitada soamente as fins de semana, que está situada nun dos barrios do núcleo urbano de Gondomar. Os propietarios por aquel entón denunciaron unicamente danos materiais na porta principal do inmoble. Máis tarde, coa detención do presunto autor saberíase que subtraera unha pequena caixa onde gardaban moedas das antigas pesetas.

A minuciosa inspección ocular realizada no inmoble polo Equipo Básico de Inspeccións Oculares (EBIO) con base no Posto da Garda Civil de Baiona, foi fundamental para localizar unhas pegadas de pisada que máis tarde levarían á identificación do presunto autor.

O segundo roubo produciuse a principios deste mes noutra casa situada na mesma localidade de Gondomar. Nesta ocasión subtraeu dúas máquinas rozadoras e unha motoserra que foron recuperadas nun monte próximo ao lugar, escondidas entre as matogueiras.

O presunto autor destes dous feitos delituosos é un mozo de 23 anos, veciño do mesmo municipio, ao que lle consta unha ampla listaxe de antecedentes policiais. Foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Vigo que decretou a súa liberdade provisoria con cargos.

Anuncios