20 persoas con TEA da Fundación Menela percorrerán dende mañá o Camiño Portugués da Costa

Este martes comeza a etapa inicial do Proxecto Xacobeo Autismo. Un camiño de todos.

A partir de mañá, 17 de setembro, 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do Centro Castro Navás – Fundación Menela de Priegue, realizarán un tramo do Camiño Portugués da Costa dende A Guarda ata Nigrán, organizado en 7 etapas que transcorreran durante os meses de setembro e outubro, e nas que se achegarán á nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa gastronomía e a nosa arte. O farán acompañados por profesionais especializados da entidade así como por outros colectivos, sendo neste día, os rapaces e rapazas do CEIP Mallón (Nigrán) e do Centro San Xerome Emiliani (A Guarda) quenes se animen a facer o primeiro tramo do Camiño Portugués da Costa.

A primeira etapa saíra do Concello da Guarda. Será tras unha recepción, que terá lugar no Salón de Plenos do Concello ás 11:30 horas, cando se iniciará a ruta que camiña paralela á liña costeira, durante un percorrido de 10 quilómetros que hai ata Portecelo, fin da primeira etapa. Asemade, destacarase a colocación de pictogramas nas instalacións do consistorio e no albergue municipal de peregrinos de A Guarda, elementos que melloran a accesibilidade cognitiva e potencian a calidade do turismo accesible, factor clave para a dinamización da nosa contorna.

O Proxecto está financiado polo Programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia, e conta coa colaboración do Concello de Nigrán.