O Vertiatlón de Baiona recada máis de 6.300 € para a Escola de Vela Adaptada do Monte Real

FOTO: LAUREANO FREIRE // Foto de grupo do V Vertiatlón Solidario de Baiona.

Novo éxito do Vertiatlón Solidario de Baiona que este sábado celebrou a súa quinta edición coa recadación de 6.300 euros para a Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates, que desde hai anos traballa pola inclusión de persoas con diversidade funcional no mundo náutico, para que poidan gozar do mar en igualdade de condicións.

Poder ofrecer máis cursos, actividades e mellores servizos a persoas afectadas con discapacidades físicas, psíquicas, sensoriais ou intelectuais, é o principal obxectivo da unión de forzas do Monte Real e o Concello de Baiona á hora de impulsar este tríatlon solidario, no que tamén colaboraron, un ano máis, a Federación Galega de Tríatlon a nivel organizativo, e Verti Seguros como principal patrocinador do evento.

Un evento que xerou este sábado unha gran expectación nas praias e rúas de Baiona, onde centos de persoas, nun espectacular día estival, apiñáronse para animar aos máis de 200 atletas participantes, que completaron un tríatlon sprint tendo o mar sempre á vista, xa que é precisamente esta peculiaridade, a de celebrarse nun escenario 100% marítimo, un dos maiores atractivos do Vertiatlón de Baiona.

Tras completar a nado os 750 metros que separan a praia da Barbeira do areal da Ribeira, os atletas pedalearon case 20 quilómetros polas rúas de Baiona máis pegadas ao mar e finalizaron o tríatlon correndo 5 quilómetros pola península de Monte Boi, rodeando o histórico Parador de Baiona.

Por baixo da hora completou o trazado do Vertiatlón, o mozo de 17 anos Xosé Pérez Blanco, do Lamargha Beariz Tríatlon, rompendo a cinta de chegada en 59 minutos e 51 segundos. Foi o máis rápido de todos e alzouse co gran premio do tríatlon sprint, gañando a categoría absoluta masculina. Anais Rivas Torres venceu na categoría feminina absoluta, cunha gran actuación e un resultado dunha hora e oito minutos á chegada a meta.

Na categoría de veteranos masculinos, Pedro Pablo Bernárdez subiuse ao máis alto da caixoneira do podio; e Silvia Deira Barcala, do Club Olímpico de Vedra fixo o propio na categoría de veteranas femininas.

Na categoría cadete, o triunfo foi para Xosé Pérez Blanco do Lamargha Beariz Tríatlon, que venceu nesta categoría ademais de na xeral; e para Antía Pazos García, do Club Tríatlon Mar de Vigo, que revalidou o triunfo logrado na edición anterior. A categoría júnior feminina quedou deserta e a vitoria da masculina foi para Yago Carballo, do Club Tríatlon Mar de Vigo.

Entregáronse, ademais, dous premios aos mellores clasificados censados en Baiona, que foron para Sandra Santodomingo e David Giráldez, dous dos deportistas máis destacados da vila mariñeira, que levan anos impoñéndose nas probas locais.

A entrega de premios do Vertiatlón acabou, como vén sendo tradición, coa entrega do cheque co diñeiro recadado para a Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates. Un cheque valorado en 6.300 euros que o conselleiro do grupo MAPFRE, Luis Hernando de Larramendi, entregou ao vicepresidente do club baionés, Alejandro Retolaza.

Retolaza tivo palabras de recoñecemento e admiración cara aos atletas que puxeron todo o seu esforzo por completar a proba axudando ao mesmo tempo á Escola de Vela Adaptada do club. Quixo agradecer ademais, en nome de todo o Monte Real, o apoio do gran grupo de firmas e empresas que, dunha forma desinteresada, axudaron a facer realidade esta nova edición do Vertiatlón. Tamén dedicou palabras de agradecemento para os veciños de Baiona que cada ano -dixo- envórcanse co evento solidario, facendo un gran esforzo ao permitir que se peche o pobo durante varias horas.

Unha foto de familia de autoridades e premiados, á que se sumaron moitos participantes, puxo o punto e final a un Vertiatlón que xa anunciou a celebración da súa sexta edición para setembro de 2020.

CLASIFICACIÓN FINAL V VERTIATLÓN SOLIDARIO DE BAIONA

ABSOLUTA MASCULINA
1. XOSÉ PÉREZ • LAMARGHA BEARIZ TRIATLON
2. GABRIEL ALARCÓN • TRIATLÓN ARTEIXO
3. MARCOS PAULO ADE • NATACIÓN PABELLÓN OURENSE

ABSOLUTA FEMININA
1. ANAIS RIVAS • CLUB TRIATLÓN RÍAS BAIXAS
2. VANESA VILLAR • CLUB TRIATLÓN VAO
3. NURIA ÁLVAREZ

VETERANO MASCULINO
1. PEDRO PABLO BERNÁRDEZ
2. JOSÉ LUIS LAMOSO• CLUB TRIATLÓN RÍAS BAIXAS
3. AGUSTÍN RÍOS • CLUB TRIATLÓN RÍAS BAIXAS

VETERANA FEMININA
1. SILVIA DEIRA • CLUB OLÍMPICO DE VEDRA
2. LORENA GARCÍA • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO
3. MARÍA JOSÉ VELÁZQUEZ • CLUB TRIATLÓN VAO

JÚNIOR MASCULINO
1. YAGO CARBALLO • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO
2. MARCOS GONZÁLEZ • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO
3. ANTÓN DÍAZ • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO

CADETE MASCULINO
1. XOSÉ PEREZ • LAMARGHA BEARIZ TRIATLÓN
2. JAVIER FERNÁNDEZ • TRIATLÓN MOTOBIKE GALAICO PONTEVEDRA
3. MARTÍN PRADO • AGRUPACIÓN DEPORTIVA FOGAR

CADETE FEMININA
1. ANTÍA PAZOS • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO
2. PAULA CARBALLO • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO
3. SABELA MARÍA VÁZQUEZ • CLUB ATLETISMO PORRIÑO

MELLORES RESULTADOS CENSADOS EN BAIONA
• MASCULINO: DAVID GIRALDEZ
• FEMENINA: SANDRA SANTODOMINGO