Sin categoría

O Barbeira Season Fest dá a coñecer a súa programación infantil

O Barbeira Season Fest, festival que se celebrará en Baiona o sábado 21 de setembro coa participación dunha decena de grupos, deu a coñecer este venres a súa programación infantil. Ademais dos grupos que tocarán na praia e no Parador e do barco que a organización fretará entre Vigo e a vila real con música e gastronomía de primeiro nivel, os promotores do evento confeccionaron actividades gratuítas para os máis pequenos.

Entre elas estará a que protagonizará o xornalista e divulgador Javier Becerra, que presentará o libro “¡Esto es pop!”, un sorprendente fenómeno editorial que está a achegar a música pop aos nenos e cuxo radio de acción non para de crecer. No festival participará cunha charla interactiva que abrirá moitas portas para os pequenos.

O Barbeira Season Fest poñerá moita énfase na ecoloxía. Proba diso é que non permitirá o uso de plásticos e haberá unha preocupación máxima por deixar a praia impoluta. Nesa liña, promoverá un obradoiro de reciclaxe para nenos que ensinará aos máis menores que todas as cousas que nos rodean, incluíndo as que terminan no fondo dos nosos mares, teñen unha segunda vida.

Tamén se organizarán bautismos de Pádel Surf cun monitor especializado e ata clases de hula-hoop cun especialista que ensinará a dominar esta técnica. Por último, un grupo de bailarinas animará aos asistentes con coreografías improvisadas, bailes ao ritmo do DJ e todo tipo de danzas.

BARBEIRA SEASON FEST