O Concello de Nigrán, a través do Departamento de Urbanismo e Servizos Urbanos, vén de rematar a actualización do inventario de vías públicas consolidadas, incorporando e/ou modificando entradas na relación de viarios municipais, como consecuencia das tramitacións de expedientes, aprobación de instrumentos de desenvolvementos urbanísticos, achegas e reclamacións da veciñanza, construción de novas infraestruturas,… O inventario vixente data dos anos 1998/99, vinte anos de actividade municipal e desenvolvementos urbanísticos e de infraestruturas, a rede de camiños, sofre variacións de moito calado que provocaban a súa actualización.
Incorporacións moi evidentes e que ata agora non se contemplaban no inventario como a propia autoestrada AG-57, o Polígono de Porto do Molle, o SAU1 de Monteferro, o SAU3 de Area Alta-Panxón, o SAU4 de Castelao/Telleiras ou o SAU7 de Rans. O documento conta ademais con planos sobre fotografía aérea dos camiños, fichas individualizadas, arquivo informático extensión .KMZ visualizable na aplicación Google Earth e fichas do inventario.
O documento contén planos, divididos por parroquias, dos trazados dos camiños inventariados e fichas de cada un deles con datos como número, denominación, inicio, remate, superficie, lonxitude e ancho medio, pavimentación e servizos. A base cartográfica é unha cartografía a escala 1/2000.
“Un gran traballo feito polos propios técnicos municipais que coñecen perfectamente a realidade do municipio, de todos os xeitos e unha vez aprobado polo pleno do 30 de setembro permanecerá en exposición pública durante un mes para que calquera persoa poida examinalo e presentar alegacións se o consideran. O goberno de Nigrán iniciará o mércores 2 de outubro unha rolda de asembleas veciñais para expoñelo e que o documento que aprobemos definitivamente sexa o mellor para Nigrán”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.
Como gran novidade, ademais do novo tratamento dixital, está a aplicación dos estudos de microtoponimia contratados nos últimos catro anos para “bautizar” ducias de rúas non inventariadas e sen nome oficial.
O inventario de camiños públicos non é actualizado dende maio de 1999 e centos de viarios non figuran nel, dando lugar a moitos conflitos urbanísticos para asuntos como obter unha licenza, obter servizos públicos… “Moitas destas novas rúas que se engadirán ao rueiro municipal xa teñen incluso a placa co nome dende hai anos, pero hai decenas delas que non e, neste caso, os estudos de microtoponimia permiten “bautizalos” do xeito correcto, tal e como o coñecen dende antano os lugareños”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o patrimonio cultural inmaterial ou patrimonio cultural intanxible forma parte das declaracións da Unesco para salvagardar. “Estamos rematando o estudo de microtoponimia de San Pedro e Nigrán para completar o municipio, pero os novos camiños públicos destas parroquias xa formaron parte de estudos de campo. En calquera caso non os encargamos cun fin “urbanístico”, pero esta é unha mostra máis da importancia non só cultural, senón práctica, que teñen”, indica González.
O Concello investiu máis de 13.000 € nos diferentes estudos de microtoponimia. Grazas a eles toda pequena referencia xeográfica (camiños, campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos…) co seu nome correcto queda documentada e xeolocalizada para sempre e sen risco de que se perda. Ademais de realizar un catálogo e actualización dos bens patrimoniais da parroquia se recolleron os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona.
Deste xeito, o de Camiños Públicos que aprobarase inicialmente no pleno de setembro, e que xa está en poder de todos os corporativos dende o 2 de setembro, inclúe xa nomes como Camiño dos Campos do Meleiro, Camiño das Paveiras, Camiño da Chavola dos Anillos, Camiño da Pampillona, Camiño do Pedramol, Camiño do Tulo, Camiño do Portelo dos Paus, Camiño da Costa do Xudas, Camiño do Florindo, Camiño do Barrantés, Camiño de Budes, Camiño da Parrula ou Camiño do Campo da Chimpa, por poñer algúns dos nomes incorporados… Todos nomes cos que os lugareños se refiren a eles dende antano.

