Gondomar amplía o recinto escolar do CRA de Peitieiros e o PP critica as obras

O Concello de Gondomar vén de realizar as obras que estaban pendentes no CRA de Peitieiros, logo que a Comunidade de Montes cedese os terreos necesarios para a súa execución a cambio da redacción dun proxecto de acondicionamento e reforma do recinto anexo como contraprestación. Os traballos consistiron na ampliación do recinto escolar en 150 metros cadrados, e na instalación dun novo peche de 1,80 metros de altura.

O Partido Popular de Gondomar se congratula destas obras moi necesarias e que eran demandadas dende hai varios anos pola comunidade educativa, pero ao mesmo tempo critica que outra vez máis se agardase ao inicio do curso para que se executen ás presas e cunha falta absoluta de planificación. Así mesmo agradece á Comunidade de Montes que tras varios anos de solicitudes tiveran agora a ben a aprobación da cesión dos terreos necesarios para realización das obras.

Paula Bouzós, denuncia que se realicen unhas obras carentes de proxecto e sen as máis mínimas medidas de protección que garantan a seguridade dos cativos. “Calquera alumno, e estamos falando de cativos de menos de cinco anos, pode acceder ás obras que se están executando. O único impedimento que existe é unha fita plástica totalmente franqueable polos nenos”. A presidenta do PP gondomareño recorda tamén que o mesmo alcalde, en referencia a unhas obras necesarias no colexio de Vincios, afirmou nun pleno celebrado o 11 de setembro de 2017, e cita textualmente: “Estas obras fanse cando se estea de vacacións, non se poñen os paus da luz nin se fan os buracos nin se meten as máquinas cando hai colexio”.

“Unha vez mais estamos a falar do dobre criterio do alcalde ao afirmar unha cousa e facer totalmente o contrario, pero que neste caso é mais grave ao poñer en risco a seguridade dos cativos. Outra característica de Paco Ferreira é a total falta de previsión, xa que dende o 28 de xuño está publicado no Doga o calendario escolar, polo que tanto el como a concelleira de Educación sabían cando comezaban as clases”, critica Bouzós.

O Partido Popular de Gondomar, mediante un escrito presentado o mércores por rexistro, esíxelle ao alcalde de Gondomar e á concelleira de Educación que coa máxima urxencia, e previo informe dun técnico cualificado, se obrigue á empresa que está realizando as obras que execute as medidas necesarias para garantir a seguridade tanto dos alumnos e profesores do centro educativo, como de calquera persoa que poida pasar pola zona.

2019-09-13 - 70594414_2327974840798398_8626029200802840576_o