O Camiño Portugués da Costa tamén será protagonista no Barbeira Season Fest

“O teu Xacobeo”, a iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para implicar á sociedade na celebración do vindeiro Ano Santo, programa para o 21 de setembro o que será o último festival do verán mesturando música, gastronomía e reciclaxe co Camiño Portugués da Costa. O Barbeira Season Fest será un encontro directamente ligado ao Camiño de Santiago e que terá en Baiona un dos seus puntos destacados.

A presentación oficial do evento tivo lugar hoxe e contou coa presenza do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, quen destacou os valores que unen o festival. “O Barbeira Season Fest é unha experiencia cun elemento importantísimo de emoción vinculado ao peregrinaxe”, explicou, e “ademais, une os valores de sustentabilidade, cultura, Camiño de Santiago, gastronomía e música”.

O festival terá dous escenarios, a praia de Barbeira, de Baiona, e a horta do Parador Conde de Gondomar. Na praia ofreceranse diversas accións artísticas vinculadas ao Xacobeo como unha exposición fotográfica que contará as historias dalgúns dos peregrinos que optan por este Camiño para chegar a Compostela, no que se chamará o Microcamiño: 300 metros de mostra fotográfica a pé de praia. Tamén a exposición da artista local Alejandra Sampedro, “Mar de Crebas”, con elementos reciclados recollidos na contorna de Cabo Sillleiro en torno ao Camiño ou unha compostela propia do festival que se repartirá entre todos as asistentes.

Unión de música e gastronomía

No eido musical, o encontro contará coa actuación de La Habitación Roja, Los Punsetes, Cariño, La Bienquerida ou Cecilio G. A música comezará a mediodía e os horarios de cada actuación estarán conectados coas distintas mareas.

A conexión coa tradición mariñeira e costeira deste Camiño será tamén un punto importante nesta última cita do verán. Por unha banda, a través da gastronomía, na que participarán cociñeiros locais, e con accións de reciclaxe e respecto cara aos nosos mares.

O director do festival, Isaac González, explicou esta mañá que se trata “dun festival nutrido de distintos contidos que servirán para potenciar a novos creadores galegos, a cultura e, sobre todo, a difusión do Camiño de Santiago. E sen o apoio da Xunta de Galicia isto non sería posible”.

Anuncios