
Esta mañá presentouse en Baiona o Barbeira Season Fest, o último festival do verán en Galicia que se celebrará entre a horta do Parador e a praia de Barbeira o vindeiro sábado 21 de setembro. O evento forma parte do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Baiona, a Deputación de Pontevedra e diversos colaboradores e patrocinadores privados como Mahou en su aposta por compartir experiencias innovadoras con las persoas.
No acto de presentación participaron representantes das tres administracións que apoian o festival. Isaac González, director do festival, abriu a quenda de intervencións agradecendo o apoio do patrocinador máis importante, a Xunta de Galicia e o seu programa “O teu Xacobeo”. “Nós queriamos facer un festival que non se parecese a un festival. Nutrímolo de distintos contidos que servisen para potenciar a novos creadores galegos, a nosa cultura e, sobre todo, a difusión do Camiño de Santiago. Sen o apoio da Xunta de Galicia isto non sería posible”, afirmaba. Tamén agradeceu a colaboración do Concello de Baiona, “esencial desde o principio para levar a cabo o festival”, e da Deputación de Pontevedra, “que acolleron o proxecto con moito agarimo”.
Pola súa banda, a deputada provincial Ana Laura Iglesias, destacou sobre todo o carácter sustentable do festival, a idea do seu escenario “Plástico 0” e tamén a aposta pola cultura local. “O Barbeira Season Fest é un proxecto baseado na cultura, o planeta e as persoas”, declarou. Doutra banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, agradeceu á organización que se elixira esta localidade para a súa celebración. Ademais cualificou ao Barbeira Season Fest como un “proxecto inigualable” e convidou a veciños e visitantes de Baiona a que se somen á experiencia o vindeiro sábado 21 de setembro.
Para pechar a quenda de intervencións, Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, destacou os valores que une o festival: “O Barbeira Season Fest é unha experiencia cun elemento importantísimo de emoción vinculado á peregrinaxe. Ademais, une os valores de sustentabilidade, cultura, Camiño de Santiago, gastronomía e música”.
O Barbeira Season Fest dará comezo a mañá do sábado 21 de setembro coa experiencia náutica do “barcobrunch”, patrocinada polo Centro Comercial Gran Vía. Xa na propia praia, de fronte ao mediodía, empezarán as actividades vinculadas ao Camiño como o podcast de Vinte e os concertos. Pola tarde, iranse intercalando os concertos con djs e outras actividades que se poden consultar na páxina do festival, como a experiencia gastronómica patrocinada pola marca Mahou.