Nigrán acolle o II Festival de Percusión Afrobrasileira “Apertuke”

Nigrán acollerá o próximo fin de semana, 14 e 15 de setembro, o II Festival de Percusión Afrobrasileira “Apertuke”, organizado pola Asociación de Percusionistas e Tamborileiros APERTA coa colaboración do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra. O verán despídese con música, actividades para nenos, obradoiros, animación e circo. Grupos de percusión chegados de Galicia e de Madrid formarán parte do evento.

“A forte implicación dos grupos locais fai posible que Nigrán conte cun festival para todas as idades e que servirá como despedida do verán, polo que animamos a achegarse o fin de semana a Panxón”, destaca Juan González, Alcalde de Nigrán.

Durante dous días haberá concertos, batukadas, obradoiros infantís, pasarrúas, circo e animación de rúa, ademais dun obradoiro de percusión impartido por Antonio Monedero. O sábado 14, durante a mañá se desenvolverá o obradoiro. Xa pola tarde e noite, actuarán Aperta, Trópico de Grelos, Os da Caña Batucada, Shambaiala, Konafro, Harapos Ensemble, Blue Monk e Stropharia Cubensis DJ. O festival contará tamén cun espazo de xogo infantil de Miudíño e a animación correrá a cargo de Jano Sen Medidas e Asaco Circo.

A programación continuará o domingo 15 a partir das 13:00 horas cun gran pasarrúas que percorrerá o paseo de Panxón con todos os participantes no obradoiro do sábado. Todas as actividades, agás o obradoiro, son gratuítas e terán lugar no complexo deportivo municipal “Dunas de Gaifar” en Panxón. No recinto haberá barra, postos de comida e artesanía.

Apertuke comeza cunha batucada veciña, Os Da Caña Batucada. Defínense a eles mesmos coma un grupo de amigos que levan saíndo ás rúas como batucada desde hai 7 anos, tentando así facer gozar a toda ás persoas que os seguen. Tocan tanto ritmos afrobrasileños como ritmos propios.

Konafro aposta pola presenza feminina na música. Elas son sete mulleres galegas amantes da percusión e danza tradicional da costa oeste africana. Ritmos, danzas e cánticos farannos fluír xuntas nun espectáculo cheo de enerxía que nos encamiñará cara a unha vibrante viaxe a mãe África.

Dende Madrid chega ao Apertuke outro grupo de percusión composto unicamente por mulleres: Shambaiala. A animación e a expresión coreográfica son parte esencial de Shambaiala, construíndo un singular espectáculo cheo de vitalidade e complicidade.

Chegada a noite farase un cambio de estilo musical da man de Harapos Ensemble, formado por catro especímenes do Val Miñor. Os seus compoñentes veñen de tocar en grupos como Doctor Harapos, a Banda do Predicador, etc. Certo día decidiron xuntarse para tocar temas en clave de funk, rock pero sempre co obxectivo de facer mover os pés ao público e deixar que o son flúa polas súas veas.

Dende Santiago de Compostela chegará Trópico de Grelos. Poderiamos dicir que esta batucada para Aperta é coma unha desas amizades de toda a vida. Con eles pasaron moi bos momentos e procuran telos sempre ben preto. Rematará o festival cun clásico en Nigrán, “Blue Monk”.

APERTUKE

Anuncios