Ferreira anuncia a convocatoria dun concurso de escultura en pedra en Gondomar

O Concello de Gondomar convocará un concurso de escultura. O rexedor fixo o anuncio esta mañá durante a presentación da exposición “D’Pedra”, promovida pola Deputación Provincial, e que mostra 16 pezas realizadas polo alumnado da Escola de Cantería de Pontevedra. “Con esta inauguración arranca un proxecto máis ambicioso que desenvolverá o goberno que presido: converter a Praza da Paradela nun verdadeiro museo ao descuberto”.

Paco Ferreira avanzou, en liñas xerais, as bases desta convocatoria que se fará pública en próximas semanas nas que -deixou claro- “só hai un requisito fundamental que esixiremos: a pedra para utilizar ten que ser do país”, a mesma que se empregou hai uns meses na remodelación da Praza Paradela. Segundo explicou o rexedor o xurado estará integrado por profesionais da arte e cultura, así como membros do goberno local, sen descartar unha participación popular “na elección das obras gañadoras que pasarán a ser de titularidade do Concello de Gondomar para ser expostas no municipio”.

Paco Ferreira confía en que sexan moitas as persoas que se animen a participar e confirmou que este concurso dotará economicamente os premios con 6.000, 3.000 e 1.000 euros, para o primeiro, segundo e terceiro clasificados, respectivamente. “Queremos converter esta Praza desde hoxe e para sempre nun museo ao descuberto para que sexa visitado cada día polos cidadáns. Queremos facer desta praza un referente cultural en todo o país”, concluíu o alcalde.

Así o deu a coñecer tras a inauguración, xunto ás deputadas provinciais Iria Lamas e Ana Laura Iglesias, da exposición itinerante “D’Pedra”, que permanecerá en Gondomar ata o próximo 9 de outubro. Promovida pola Deputación Provincial, a mostra está integrada por 16 pezas que dan a coñecer de primeira man o traballo realizado polo alumnado da Escola de Cantería de Pontevedra, abordando diferentes temáticas como os oficios, emigración, ou os animais entre outras.

Anuncios