Os varamentos na costa multiplícanse por catro no verán

Alfredo López nunha xornada realizada a pé de praia sobre varamentos de cetáceos.

A ría de Vigo rexistrou un total de 17 varamentos, na súa maioría golfiños comúns, o que supón un 15% do total en toda Galicia. Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo de Cetáceos Mariños con sede en Nigrán, Cemma, explicou que se trata dunha cifra alta xa que habitualmente a porcentaxe do cómputo global rexistrado aquí supoñería un 10% do de toda a comunidade. Ademais no que vai de verán a cifra total de encallamentos ascendeu a un total de 90 en todo o territorio fronte aos 25 localizados en tempadas pasadas. López manifestou que se atopan ante un novo fenómeno e que polo momento están a analizar a situación, aínda que nun primeiro momento desde a ONG consideran que é posible que o aumento responda a unha entrada masiva de golfiños nas rías e que por diferentes motivos acabaron varando na costa. “As causas máis recorrentes e que dan este desenlace débese a capturas accidentais por artes de pesca, aínda que as enfermidades tamén xogan un papel importante aquí”, aclarou López. En canto ao porqué da súa entrada nas rías explicou que polo momento o achacan a mera coincidencia. “Directamente accederon polas bocanas no canto de dirixirse a outros puntos. Aínda así estamos a investigar o sucedido e teremos que esperar a ver se a situación repítese no futuro», aclarou.

Máis de 20 “quenllas” en Patos

A ONG nigranesa foi fundada en 1992 e conta con 150 asociados, e o seu labor principal é o estudo e divulgación de mamíferos e tartarugas mariñas en toda Galicia, ademais no caso do Val Miñor e a Ría de Vigo tamén fan seguimentos de poboacións a través de embarques participativos entre maio e setembro, rehabilitación de fauna mariña con coidados intensivos e nos últimos anos están a facer un seguimento do fenómeno das tintoreras na costa, tamén coñecidas como “quenllas”. Este punto está a suscitar moito interese xa que as aparicións desta variante da quenlla no litoral nigranés contáronse por decenas nas últimas semanas, así como na localidade veciña de Baiona. Proba diso é que só no areal de Patos contabilizáronse máis de 20 entre xullo e agosto. López pola súa banda explicou que se atopan ante algo completamente novo e que comezou a suceder fai catro anos estendéndose por todas as praias, e sobre todo na entrada das rías. “Barállanse varias hipóteses e unhas delas estaría relacionada coa temperatura da auga, pero non se sabe de certo”, engadiu. En calquera caso o biólogo do Cemma incidiu en que é moi importante non molestalas e que no caso de que estean varadas é conveniente axudalas servíndose de toallas para introducilas en augas o minimamente profundas para que poidan nadar. “Non se debe collelos, tampouco andar entre eles nin tirarlles das aletas. Tras as recentes aparicións membros da ONG están en estreita colaboración coas escolas de surf da zona, xa que son as que máis avistamentos rexistran.

Anuncios