Sin categoría

“Os uruguaios viñeron despois”, unha tolemia histórico-medioambiental en Gondomar

O venres 4 de outubro ás 20:30 horas estrearase no Auditorio Lois Tobío de Gondomar “Os uruguaios viñeron despois”, unha curtametraxe de Pablo Casal realizada ao longo de case catro anos por persoas que viven na súa meirande parte nesta vila, na que graváronse todas as localizacións.

Esta tolemia histórico-medioambiental reflicte as nosas inquedanzas e desacougos como habitantes do Val de Miñor, como cidadáns galegos , en contra da deforestación e do empobrecemento da terra. Temos moitos recursos naturais que non se aproveitan porque vivimos esencialmente de costas á natureza, instaurados en permanente posición de presunta superioridade e depredación.

Antes tiñamos unha paisaxe en mosaico. As estacións coloreaban a vida, primavera e outono eran un espectáculo, ante os nosos ollos despregábase unha vizosa paleta de cores, chea de matices, as forestas prognosticaban a estacionalidade. Todo isto fixábanos máis a terra, ao mundo, fidelizábanos, uníanos… logo chegaron tempos de depredación, de monocromía, dun único RAL, de cultivos aliñados marcialmente dispostos a abrir FOGO. Agora seica tocamos fondo e parece que hai esperanza, en xeral albíscanse cambios e unha volta ás raíces… imos ver…

Unha alternativa ao irracional proceso despilfarrador dos recursos naturais pasa pola correcta xestión da compostaxe da materia orgánica que producimos a diario.

A vida, tal e como a coñecemos, sería inviable sen a sempiterna descomposición da materia orgánica e a súa reintegración nos novos procesos vitais… a retro-alimentación permanente… eterna.

Ao mesmo tempo, queren amosar o seu respecto e recoñecemento a todos aqueles e aquelas que dende a distancia fixeron país, e afondaron nas raíces e nos valores da cultura galega vencellada cos pobos que os acollían (Uruguai, Arxentina, Venezuela, Cuba, México…).

Para a realización da curtametraxe non contaron con financiamento externo, polo que os seus autores agradecen calquera achega para axudar a sufragar os gastos derivados da edición, montaxe, gravación e maquetación. A conta para colaborar é ES03 2080 1194 6130 4001 3843. As persoas que colaboren cunha doazón a partir de dez euros terán un agasallo vencellado coa curtametraxe.