A AVTG recolle máis de 1.200 sinaturas de apoio ás súas alegacións ao Plan de Transporte da Xunta

Unha delegación da Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG) presentou este xoves, a través do rexistro do concello, as sinaturas recollidas en apoio ás súas alegacións ao anteproxecto do plan de transporte público da Xunta para os vindeiros dez anos.

As alegacións foron presentadas o pasado 22 de agosto nun documento elaborado pola AVTG en base ás achegas realizadas por diversas persoas e entidades nun proceso aberto e participativo. Un traballo colectivo que foi moi ben valorado socialmente, o que deu como resultado a recollida, en menos de dúas semanas, de 1.265 sinaturas de apoio, entre as que se contan as de varios colectivos parroquiais.

Avalada polo respaldo veciñal recibido, a AVTG solicita da Dirección Xeral de Mobilidade unha reunión cunha representación da Asemblea Veciñal para lles explicar a súa proposta e para debater o que for preciso no camiño de conseguir un proxecto que realmente dea solución aos problemas de mobilidade e comunicación do concello de Gondomar.

Así mesmo, e para lle dar máis forza ás súas demandas, a AVTG solicita do Alcalde de Gondomar a inclusión dun punto na orde do día do pleno municipal de setembro no que se solicite o apoio da corporación ás alegacións da AVTG, posibilitando a participación dunha persoa en representación desta durante o debate dese punto no pleno, para explicar o contido e o sentido das alegacións.

A Asemblea Veciñal agradece publicamente todos os apoios recibidos e fai un chamamento á asistencia ao pleno, que, probablemente, se celebrará o vindeiro 19 de setembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío.

Anuncios