Baiona acolle o primeiro Campionato Ibérico de Pádel Surf

Esta fin de semana o Club Galego de Surf convocou a centos de deportistas españois e portugueses de primeiro nivel, ao organizar o primeiro Campionato Ibérico de Stand Up Paddle dentro das actividades do Salitre Fest. Trátase dunha das citas de referencia dentro do calendario deportivo de ambos os dous países.

Ao longo do día de hoxe, sábado, celebraranse as Sprints AESUP, que repartirán 1.100,00 Euros en premios nas categorías Open e material nas categorías Sub18. Celebraranse, como na pasada edición con formato de “sprints técnicos” onde 4 competidores realizan un percorrido de 250 metros en total, por rúas individuais, cun xiro de 180º a metade de percorrido. Terá formato de mangas eliminatorias nas que avanzarán á seguinte rolda dous competidores de cada manga. Os Sprints divídense nas seguintes categorías: Sub14 Mixta, Sub18 Feminina, Sub18 Masculina, Open Feminina, Open Masculina, e todos os competidores das categorías Sub18 e Sub14 terán dereito a participar nos Sprints.

Mañá domingo será cando se celebrarán as probas de Longa Distancia. Constará dunha proba que terá entre 10-15 km, onde todos os/as competidores dos dous países loitarán para alzarse co título do mellor padeeiro de ambas as dúas nacións. Ademais, esta proba será puntuable para o circuíto nacional da Copa de España de SUP Race, sendo a proba de maior puntuación do ano con 1800 puntos.

Ademais, grazas á colaboración coa Federación Española de Surf, este ano decidirase en Baiona o Campionato de España de Clubs, que se resolverá en base aos resultados das probas anteriores. Todos os regulamentos e requisitos, así como o formulario de inscrición para deportistas están dispoñibles na web oficial do festival http://www.salitrefest.com.

Para comprender o traballo de fondo e a posición que ocupa esta cita no calendario deportivo é preciso remontarse aos seus inicios, a travesía popular Nigrán – Baiona de 2011; e é que pasaron de organizar unha proba puntuable a esta ano 2019 lograr organizar, ademais do Campionato de España de Clubs, o primeiro Campionato Ibérico de SUP.

Co obxectivo de achegar máis este deporte ao público xeral, a organización preparou uns percorridos para que todas as probas deportivas partan da praia da Ribeira, bordeando o paseo de Baiona, de modo que os asistentes ao festival poidan gozar da competición mentres gozan do bo ambiente festivo do Salitre Fest.

O Festival

O Salitre Fest, dá unha volta de porca ao concepto tradicional de festival xa que este evento nace do deporte e ao mesmo tempo compleméntao. Unha Zona Market con 15 expositores multimarca que aproveitarán a ocasión para presentar as súas creacións para a próxima tempada. Unha Zona Gastro que conta con 9 foodtrucks cunha oferta gastronómica variada que vai desde as clásicas hamburguesas, pasando polas arepas ou a comida mexicana, ata as opcións doces como as creppes ou os gofres, sen esquecerse de ofrecer opcións veggie para os asistentes máis selectos.

Todo iso estará acompañado de varios concertos. Na noite de onte triunfaron sobre o escenario o grupo de rockabilly Mad Martin Trío, que puxeron a todo o mundo a bailar. Esta noite actuarán Blues Estafe, que virán a Baiona co seu formato en cuarteto para presentar o seu último traballo. Será ás 21:30 h, e virán desde Ourense co seu blues e os seus ritmos clásicos. Mañá domingo os encargados do fin de festa serán os Groovin Folks ás 20:30, un grupo que sen dúbida non deixarán que ninguén quede quieto.

Ao longo do día de hoxe e mañá haberá bautismos de paddlesurf gratuítos ofrecidos pola escola local Wetsports Ladeira. Ademais, a organización preparou unha Zona de lecer infantil gratuíta para que os máis peques da casa gozar de xogos e actividades ao aire libre.

Organizado polo Club Galego de Surf e o Concello de Baiona, Salitre Fest é un evento gratuíto que está a converter o paseo de Ribeira e o Parque da Palma nun punto de encontro que alberga un evento deportivo de primeiro nivel cunha gran oferta de lecer para toda a familia.