Gran estrea en augas de Baiona do Trofeo Príncipe de Asturias. A cita, organizada polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA, arrancou hoxe coa disputa das primeiras probas para as clases Martin Miller ORC 0-1, Aceites Abril ORC 2, Gadis ORC 3, Solventis J80 e a prestixiosa ¡HOLA! Ladies Cup. Pairo 8, Bosch Service Solutions, Raygrass III, Miudo e ¡HOLA! Fashion son os primeiros líderes desta trixésimo cuarta edición.
A xornada amencía tranquila, cunhas condicións de vento bastante suaves ata que finalmente, cara ás 15:00 horas tal e como estaba previsto, o Comité de Regatas puido dar o sinal de Atención para as tres divisións de ORC. Non foi sinxelo para a frota, e é que durante as 15 millas do percorrido de ida e volta entre Baiona e Subrido (Cabo Home) o vento mantívose cambiante en canto a dirección e intensidade, aínda que predominando sempre o compoñente norte-nordeste de entre 3 e 12 nós nas diferentes zonas da ría.
Exemplo diso foi o caso do Yess Too na clase Martin Miller ORC 0-1. Os de Rui Ramada dominaron con autoridade a primeira parte do percorrido ata atoparse en Cabo Home cun pozo de vento que volveu comprimir á frota ata practicamente a liña de chegada. Finalmente, o Yess Too foi o primeiro en finalizar a proba e sitúase segundo na xeral en tempo compensado por detrás do Pairo 8 do armador José Luis Freire, que se coloca como primeiro líder da xornada con Laureano Wizner á cana. O Maria-Casas do Telhado de Manuel María Cunha pecha o podio no terceiro caixón.
En Aceites Abril ORC 2, o Bosch Service Solutions de Ramón Ojea posiciónase á fronte da clasificación nesta primeira xornada ao completar o percorrido en dúas horas e 56 minutos. Séguelle na xeral o asturiano Antílope-Lener de José Luis Alcuso en segunda posición e o Milaneza do patrón portugués Diogo Talone, que marcha terceiro.
A terceira categoría en estrearse hoxe no 34º Trofeo Príncipe de Asturias foi a Gadis ORC 3, na que o Raygrass III de Jaime Núñez foi quen levou o gato á auga por diante de La Burla Negra de Juan José Martínez e o Orion de Javier Pérez, segundo e terceiro respectivamente.
Pola súa banda, a clase Solventis J80 arrancou o seu programa de competición coa disputa das tres primeiras probas no campo de regatas. O vento tampouco llo puxo nada fácil ao Comité, que tivo que trasladar o campo máis cara a fóra da baía do previsto en busca dunhas condicións óptimas para poder dar comezo á competición.
No máis alto da táboa, os tres primeiros clasificados toman vantaxe fronte ao resto da frota e con só dous puntos de diferenza entre o líder e o terceiro. Cuns parciais 3-1-3, o Miudo de Diogo Costa é o primeiro líder da xeral por diante do Pazo de Cea de Cristina González, que ocupa a segunda posición cuns resultados 4-2-2, e do Okofen de Javier de la Gándara, que se estreou hoxe na terceira posición tras sumar un cuarto e dous segundos postos.
No mesmo campo de regatas que os J80 estiveron os Fígaro da ¡HOLA! Ladies Cup. Con dous primeiros e un segundo nas tres probas disputadas, o ¡HOLA! Fashion de Pilar Casares pecha a xornada como líder da competición feminina cun total de catro puntos. Por detrás, a só dous puntos, séguelle o ¡HOLA! Serralleiras da portuguesa Marta Ramada na segunda posición cun terceiro, un primeiro e un segundo e o HELLO! de Laura Gil, que ocupa por agora o terceiro posto da xeral cun segundo, un terceiro e un cuarto na súa marcadora.
Inauguración do village e cea mariñeira para pechar a primeira xornada de regatas
Unha vez finalizadas as probas, a actividade continuou no village do Monte Real Club de Yates. Regatistas, patróns e armadores puideron gozar do gran ambiente social e deportivo do 34º Trofeo Príncipe de Asturias durante a habitual cea mariñeira. Música ambiente e degustación de gin- tonics de man de Martin Miller e Royal Bliss puxeron o broche final á primeira xornada dunha das citas máis importantes do calendario nacional de cruceiros.
Mañá, segunda xornada e entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda
Mañá sábado volve a acción ao Monte Real Club de Yates a partir das 12:00 horas. Tras unha primeira xornada na que se estrearon os barcos de maior eslora e dous dos monotipos, o segundo asalto contará con todas e cada unha das categorías participantes competindo nos catro campos de regata establecidos.
As categorías Volvo Autesa ORC 4-5, Engel&Volkers ORC Open, SH Robotics ORC Open Extra, Storax Clásicos e os Infinitus Rent 6m e 6m Fórmula estrearán mañá as súas marcadoras. Será precisamente a división Open a que contará coa participación do AXA Seguros, equipo composto por regatistas con diversidade funcional da Escola de Vela Adaptada do Monte Real grazas ao apoio da aseguradora e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Ao termo da xornada terá lugar no village a entrega dos prestixiosos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, na que se premiará aos regatistas e equipos máis destacados do 2018. A gala comezará ás 20:00 horas e irá seguida da cea mariñeira unha hora máis tarde e unha nova noite de festa que incluirá música, degustación de gin-tonics e fogos artificiais como fin de festa ás 23:00 horas.





