Baiona acollerá os próximos 19 e 20 de setembro as dúas primeiras etapas da XVIII Volta Ciclista a Galicia.
A primeira será unha contrarreloxo de 8,3 quilómetros na que participarán 18 equipos. Cada un sairá desde as 18:00 horas cunha diferenza de tres minutos, polo que se prevé que a chegada a meta do último equipo prodúzase sobre as 19:10 horas. A saída estará situada na Avda. Ramón y Cajal dirección A Guarda. O pelotón pasará pola Avda. Joselín, a N-550, Avda. Monterreal, Avda. de Sabarís e Elduayen, onde se situará a meta.
A segunda será unha etapa en liña con saída e meta en Elduayen. O pelotón completará un percorrido de 137 quilómetros que pasará por Sabarís, A Ramallosa, Nigrán, Camos, Vilaza, Pego Negro, Gondomar, Oia, A Guarda, Tabagón, Goián, Vilar de Matos, Tomiño, Hospital de Tebra, Alto de Tebra, Couro, Baíña, o Alto da Groba, Torroña, Cabo Silleiro e Baredo.
Baiona xa acolleu á Volta a España
Baiona xa acolleu en dúas ocasións a meta da Volta a España, no 2013, sendo o punto elixido aquel 25 de agosto o Alto da Groba, e no 2016, estando situado o final de etapa do 21 de agosto en Elduayen. A Volta tamén pasou por Baiona noutras dúas ocasións, o 28 de agosto de 2012, entrando pola Ramallosa e dando volta na Ladeira, e o 12 de setembro de 2014, sendo a primeira vez que cruzou o centro da vila, entrando por Baredo e percorrendo toda a estrada litoral ata Nigrán.

