Protección Civil atendeu máis de 1.600 incidencias durante o servizo de praias en Nigrán

A Asociación de Voluntarios de Protección Civil atendeu durante os meses de xullo e agosto máis de 1.600 incidencias no servizo de praias desenvolto nos areais de Nigrán. As máis salientables foron 579 feridas e cortes, 23 luxacións ou fracturas, 116 picaduras de insecto ou 637 picaduras de fanecas. O servizo de salvamento e socorrismo de Nigrán comprende os areais de Praia América, Panxón e Patos, prolongándose desde o 1 de xullo ao 31 de agosto.

As praias dispoñen de posto de salvamento e socorrismo, tanto Praia América como Panxón de dous, dotados cun socorrista e con voluntarios de Protección Civil en calidade de auxiliares. A maiores, o servizo de praias conta con dous vehículos de atención inmediata, situados na base de Protección Civil, no posto de socorrismo de Patos ou no da Ladeira, dando cobertura a todas as praias do Val Miñor, atendendo emerxencias tanto internas como externas mediante o aviso do 112.

No campo marítimo contan cunha zodiac e unha moto de auga dotadas dun patrón e un socorrista. Ambas teñen a base na Praia da Ribeira, dando cobertura a todas as praias da comarca.

Durante o transcurso do servizo de praias no Concello de Nigrán realizáronse ademais dous simulacros, un en Praia América e outro en Patos. No primeiro, o 7 de xullo, a alerta consistiu nun home flotando na liña de boias, mentres que o segundo, o 9 de agosto, nunha muller precipitada por unhas escaleiras.

“Desde o Concello de Nigrán queremos facer público e transmitir o agradecemento de toda a cidadanía á Asociación de Voluntarios de Protección Civil que fan posible que o verán sexa máis seguro. Destacar a instalación dun novo posto en Panxón con servizo específico para persoas con mobilidade reducida, os dous vehículos de atención inmediata e unha zodiac e moto de auga dotadas de patrón e socorrista”, declara o alcalde, Juan González.

“O labor e o esforzo de socorristas e Protección Civil converten aos nosos lugares en espazos seguros e protexidos e neste sentido seguiremos traballando e apostando nos próximos anos tentando conseguir máis efectivos e ampliar as datas de traballo desde o 20 de xuño ata o 13 de setembro”, conclúe González.