Os alcaldes de Nigrán e Baiona presiden a Mesa Institucional do GALP Ría de Vigo – A Guarda

Este mércores celebrouse a Mesa Institucional do GALP Ría de Vigo – A Guarda. A súa xerente, Elena Herbello, presentou a entidade aos novos membros dos gobernos locais de Nigrán e Baiona e explicou o seu funcionamento en mesas sectoriais (pesca, institucional, social empresarial), Asemblea Xeral e Xunta Directiva. Así mesmo, comentou a orde de axudas, tipos de promotores (produtivos e non produtivos), prazos e orzamento. Ademais, os asistentes recibiron un resumo dos proxectos presentados ante o GALP 7 e aprobados pola Consellería do Mar, nas convocatorias de 2016, 2017 e 2018.

Dende a Mesa Institucional animan a Concellos, entidades sociais e entidades privadas a presentar proxectos e a dar difusión das axudas a través dos axentes/técnicos de emprego, as asociacións de empresarios de cada concello, así como presentando un enlace na súa páxina web. Os prazos de presentación de proxectos rematan en marzo de 2021 (www.galp.xunta.gal).

“O Concello de Nigrán inicia unha nova etapa dentro do GALP coa inclusión de Ladislao Alonso e Cristina Dosil como representantes, non só animaremos ao empresariado e asociacións do municipio a presentar seus proxectos senón, como administración, estudamos a posibilidade de realizar accións de posta en valor do esteiro e río Miñor, revalorización e rehabilitación do Faro de Canido e accións de posta en valor do nosos produtos mariñeiros relacionados coa actividade marítima e empresarial ligada a Panxón”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

Os representantes de Nigrán, Baiona, Vilaboa, Redondela e Cangas acordaron por unanimidade incluír á Alcaldesa de Oia, a petición deste concello da Mariña, na xunta directiva do GALP.

Neste momentos os proxectos de cooperación que se están realizando con outros GALPs de Galicia e Europa son os seguintes:

Posicionamento no mercado da Ruta dos Faros de Galicia (https://rutadosfaros.gal/)

Con este proxecto preténdese posicionar a Ruta dos Faros de Galicia como principal produto de turismo mariñeiro de España e como principal produto turístico da costa de Galicia alternativo ao turismo vacacional de praia. Foi solicitado por todos os GALPs galegos.

Morada Atlántica (https://galp.xunta.gal/morada-atlantica)

Ten como finalidade potenciar dunha forma innovadora, rendible, sostible e diferenciada a competitividade turística dos territorios que compoñen o espazo atlántico, a través da posta en valor da cultura e o patrimonio material e inmaterial mariñeiro, utilizando como fío condutor a gastronomía e a cultura mariñeira, baixo unha esfera experencial, emocional e relacional.

Mar das Illas Atlánticas: Apoio ao desenvolvemento de iniciativas turísticas desde o sector pesqueiro (http://mardasillas.com/)

Solicitado polos GALP 5, 6 e 7. O seu obxectivo é conseguir o recoñecemento do traballo dos profesionais da pesca no ámbito territorial do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

  • Apoio e formación aos profesionais do sector pesqueiro no ámbito turístico a través da continuidade do traballo de cooperación entre técnicos de diferentes administracións implicadas no turismo mariñeiro.
  • Investigación e desenvolvemento de medidas incluídas no Código de boas prácticas na pesca e turismo mariñeiro.
  • Valorización do modo de vida mariñeiro e interpretación das diferentes modalidades de pesca, marisqueo e acuicultura artesanal das Rías Baixas a través da apertura á sociedade e o intercambio de boas prácticas con outros territorios da Unión Europea.
  • Desenvolvemento de actividades inclusivas e adaptadas a diferentes perfís de visitantes.
Anuncios