Manifesto Miñor reclama que se retomen as patrullas de voluntarios medio ambientais

Fai agora xusto un ano que dende a Concellería de Medio Ambiente de Gondomar, xestionada por Antonio Araújo, púxose en marcha a organización do voluntariado medio ambiental con máis de 100 persoas anotadas e cuxa primeira acción fora a de patrullar os montes do Concello, que como é sabido “tradicionalmente” arden no mes de setembro.

“Dende a humildade máis absoluta, mais tamén dende a firme convicción de que a defensa e protección do Medio Ambiente é cousa que lle compete a toda a cidadanía, é polo tanto unha obriga ineludible das Institucións (neste caso do Concello) de crear as estruturas ou os espazos de participación necesarios para que isto se poida dar en condicións de coordinación e cun certo respaldo da institución municipal”, sinala Araújo.

O concelleiro de Manifesto Miñor-En Marea recorda que hai un ano a iniciativa funcionou, e máis de 80 persoas participaron nestas patrullaxes ao longo de todo o mes de setembro polos montes de Gondomar (máis do 70% do territorio). “Esta iniciativa voluntaria, xunto co traballo dos profesionais pertencentes a outras institucións con competencias no asunto, e por suposto das propias CCMM, fixeron que tivésemos un mes de setembro sen practicamente lumes”.

“Sabemos que pode haber quen teña a tentación de cualificar este tipo de iniciativas de irrelevantes mais, se o vemos dende o punto de vista de facer a pedagoxía necesaria entre a nosa veciñanza de mentalidade máis urbanas ou afastada sentimentalmente do Medio, a perspectiva cambia radicalmente. Velaí a importancia deste voluntariado pensando como elemento de concienciación e na defensa dun monte multifucional e como elemento básico na nosa calidade de vida, lecer, biodiversidade, aire limpo, auga, patrimonio, etc”, engade Araújo.

“Dado que non temos coñecemento de que o actual goberno municipal do Sr. Ferreira teña a intención de retomar unha iniciativa tan útil para a sociedade e o noso Medio como é botar a andar o Voluntariado Medioambiental, dende MM reclamamos (presentamos hoxe o escrito no Rexistro Xeral do Concello) que sen máis demora e antes de que teñamos os lumes enriba nosa, se poña en marcha o voluntariado medio ambiental e como iniciativa urxente comecen a patrullar os montes”, insiste o concelleiro.

Se isto non se dá, dende Manifesto Miñor iniciarán pola súa conta as patrullas dos montes en setembro, facendo un chamado á sociedade gondomarense para que colabore, “e estamos seguros de que así vai ser”, conclúe Araújo.

Anuncios