Sin categoría

Inscricións abertas para participar no VII Trail Trans Serra da Groba

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona organiza o VII Trail Trans Serra da Groba, que se celebrará o vindeiro sábado 2 de novembro.

O Trail formúlase novamente como unha carreira por montaña, cunha distancia aproximada de 40 Km. No seu trazado, con desnivel positivo acumulado de 2.200 metros, os deportistas poderán poñer a proba os seus dotes atléticos e técnicos. Para participar nesta modalidade, de dificultade física e técnica media alta, esíxese correr como mínimo unha proba de lonxitude igual ou superior a 20 km xa sexa de asfalto ou montaña nos últimos 2 anos. Haberá 6 avituallamentos máis o de meta e un tempo máximo para completala de 8 horas.

Outra modalidade será un Mini Trail competitivo cunha distancia aproximada de 26 km, pensada para que calquera persoa adestrada e afeita a moverse por terreo de montaña, e que poida realizar o percorrido completo, dando oportunidade a que participen deportistas de todos os niveis, desde os que son capaces de completar o percorrido correndo ata os que alternando a carreira e a marcha. Cunha dificultade media, o desnivel positivo acumulado da proba é de 1.328 metros. Contará con 4 avituallamentos máis o de meta e cun tempo máximo para completalo de 5 horas.

De novo os que desexen gozar dunha proba agrupada, camiñar en grupo, gozando das paisaxes, dunhas vistas espectaculares, e pasar por zonas de valor cultural, poderán anotarse no Trailiño, deseñado cun percorrido curto, de 12 quilómetros, e dificultade media baixa, para os cales desexen iniciarse na modalidade de montaña. Terá 1 avituallamento máis o de meta e un tempo máximo de 4 horas.

A saída do Trail e do Mini Trail estará situada no Pavillón de Deportes de Baiona, mentres que o Trailiño comezará en Chan da Lagoa. As tres probas terán a meta no Pavillón, tras percorrer as paraxes máis emblemáticas das montañas baionesas. Transcorrerá polos Concellos de Baiona, Oia e Gondomar, pasando por pistas forestais, sendeiros tradicionais e tramos de asfalto á saída e á chegada a meta.

As inscricións pódense formalizar ata o 27 de outubro vía internet, a través das páxinas web www.trailserradagroba.com ou www.championchipnorte.com, enchendo o formulario habilitado para o efecto e efectuando un ingreso ou transferencia bancaria á conta de ABANCA ES23-2080-5015-6131-1002-4243. En todos os resgardos de inscrición farase constar o nome e DNI do participante.

Os prezos da inscrición serán de 25 euros para o Trail, 15 para o Mini Trail e 10 para o Trailiño para as inscricións realizadas ata as 23:59 horas do domingo 20 de outubro. Desde esa data será de 30, 20 e 15 euros respectivamente.