En resposta ás declaracións do Alcalde de Nigrán, Juan González, respecto á súa intención de levar a cabo a suspensión cautelar da actividade da Sala de Festas Ramallosa 2000, o administrador da empresa, Antonio Abadía Pérez, enviou un comunicado aos medios de comunicación:
Como administrador da discoteca Ramallosa 2000, desde hai máis de 40 anos, quero aproveitar para saír ao paso das declaracións vertidas nalgún medio de comunicación polo alcalde de Nigrán, Juan González, relacionada co malestar creado na veciñanza polos actos vandálicos e pelexas que se repiten na contorna da discoteca.
O primeiro que queremos manifestar é nosa total solidariedade cos veciños de Ramallosa, que teñen toda a razón ao queixarse polas actuacións incívicas dalgúns individuos que provocan algúns danos en portais, vehículos, mobiliario urbano, e sobre todo, alterando normal descanso dos veciños. As persoas involucradas nestes actos son unha minoría respecto ao público asistente á discoteca, é importante indicar que algunhas delas simplemente acoden ao botellón, e non entran na discoteca, pero as consecuencias dos seus actos pagámolas todos, os veciños polas molestias e nós polas consecuencias.
O alcalde de Nigrán, Juan González, fixo recentemente unhas declaracións nun medio no que afirmou que as alteracións se produciron “sen que a empresa fixese nada por evitalo”, algo totalmente afastado da realidade. Sobre todo desde 2011, momento no que comezou a instaurarse o “botellón” de forma alarmante, participamos de forma activa en múltiples reunións na Subdelegación do Goberno e no ámbito do programa “Consenso para evitar o consumo de alcol en menores” promovido pola Consellería de Sanidade, celebrado en Santiago de Compostela, e mesmo como relatores nos que achegamos escritos de suxestións.
É importante destacar que nas reunións efectuadas na Subdelegación, que á parte de analizar a problemática do botellón na Ramallosa, establecíanse obxectivos para tentar minguar o fenómeno e consecuentemente tentar diminuír na medida do posible as molestias aos veciños, que para nós é prioritario. Así nas actas de data 13/5/2013 e 27/11/2013 recóllense actuacións que debería levar a cabo a discoteca, que foron implementadas de inmediato, e que tiveron como resultado exactamente o oposto ao que se pretendía e desembocaron na saída masiva de clientes ao exterior para beber ou fumar, por tanto a aumentar os asistentes ao botellón, no canto de reducilo.
Un dos puntos recollidos nas actas mencionadas recolle, entre outras cousas, o acordo polo que as autoridades realizasen as xestións oportunas coa concesionaria dos buses para modificar as frecuencias do transporte público “que pase o autobús entre as 6:20 e 6:30”. A día de hoxe seguimos pendentes de coordinar a saída da discoteca co paso dos mesmos. Aínda que é certo que se aprobou unha ordenanza que regula o botellón, segundo os propios Corpos de Seguridade é bastante ineficaz, coméntannos que debería ser parecida á que se puxo en práctica en Baiona que demostrou maior efectividade.
Entre as medidas expostas durante o último mes de agosto para tratar de minimizar a aglomeración de mozas en zonas públicas nas proximidades da discoteca, informadas previamente a Garda Civil destacamos:
• A solicitude e pago de taxas para ampliar o horario de peche, ata as 7,05 horas, co fin de que este coincida coa chegada do autobús de liña ás inmediacións e que na actualidade está pendente de resolución.
• Despois de 16 anos cambiamos o acceso á sala de festas ao acceso antigo pola galería de Manuel Lemos 24, para evitar que os clientes saian á vía publica directamente a beber ou fumar.
• Durante o último mes os nosos clientes accederon ao local a través dos RRPP con invitacións nominais. Por iso, tentamos colaborar cos Corpos e Forzas de Seguridade na identificación das persoas que provocan incidentes na rúa, aínda que por problemas coa Lei de Protección de Datos non se puido materializar.
Desde que está o actual mando na Garda Civil de Baiona tivemos unha boa coordinación, tentando sistematicamente diminuír a incidencia do fenómeno do botellón en Ramallosa, mesmo colaboramos co devandito Instituto Armado na erradicación das bandas latinas “Chukis” na discoteca e a súa contorna con gran éxito, grazas ao gran labor dirixido polo Tenente da Garda Civil, D. Félix Díaz ao que queremos agradecer a súa eficacia e profesionalidade.
Desde a dirección da empresa queremos manifestar que sempre estamos tan pendentes do que pasa fóra da discoteca como do que pasa dentro, utilizando todos os nosos recursos de seguridade para reducir ao mínimo os incidentes. Con todo o mencionado queremos deixar claro que, fixemos e colaboramos todo o posible, para tratar de evitar as molestias aos veciños, aínda que é certo que nós non temos competencia algunha no exterior do local, as nosas actuacións poden ser indirectas e coordinadas coas forzas de seguridade, tal como facemos coa Garda Civil. Botamos en falta a coordinación cos responsables da Policía Local que ademais ten a maior competencia nos espazos públicos de Nigrán, o que elevaría a eficacia das mesmas.
En canto ás afirmacións realizadas polo alcalde nas que asevera que “actualmente non achega nada positivo a Nigrán”, unha vez máis queremos manifestar que non se corresponden coa realidade. Á parte dos postos de traballo xerados de maneira directa e indirecta, as nosas instalacións supoñen un punto de reunión o suficientemente céntrico para que os mozos pasen aquí os seus intres de lecer nocturno sen a necesidade de ter que desprazarse en medios de transporte privados a outros puntos da nosa xeografía, cos riscos que iso conleva.
Ademais dispoñemos duns formularios para que persoas de entre 16 e 18 anos poidan acceder ás instalacións acompañadas en todo momento dun titor e nas que son eles os que se responsabilizan das súas actuacións e do cumprimento da lexislación relativa ao lecer nocturno e menores de idade, compromisos que quedan rexistrados nun documento e no noso sistema de videovixilancia. Durante a presente tempada contabilizamos preto de 100 menores, en cada sesión, que accederon ás instalacións respectando o protocolo anteriormente citado.
Doutra banda, mentres están no seu interior teñen á súa disposición un equipo de profesionais de seguridade para actuar en calquera situación que o requirise, ademais dun plan de evacuación efectivo. Así mesmo as instalacións están equipadas con polo menos seis saídas de emerxencia tanto ao exterior como ao Centro Comercial. Proba diso é que a construción do Centro Comercial Ramallosa realizouse atendendo aos criterios técnicos e necesidades da discoteca.
Con todo o exposto anteriormente reiteramos que as nosas instalacións constitúen un lugar de lecer seguro para o público asistente, por tanto consideramos que a nosa proposta de lecer próxima, segura, e orientada ao público actual, constitúe un valor destacable en si mesmo, e así foi durante 47 anos, nos que contribuímos dunha forma importante na oferta de lecer do Val Miñor, polo que dalgún modo formamos parte do patrimonio lecer/cultural de Nigrán que se pon de manifesto no gran apoio popular que recibimos todos os días para que manteñamos a nosa actividade.
Con respecto á pretensión do Concello da suspensión cautelar e revogado de licenza, á parte da nosa perda económica, sería unha enorme inxustiza para a inmensa maioría do noso público, que non participan no botellón e ademais teñen un comportamento adecuado, xa que lles privaría da única discoteca de todo o Val Miñor
Xa para finalizar queremos recalcar que Ramallosa 2000 abriu as súas portas en 1.972 sendo un referente para toda Galicia, tanto polo seu ambiente como polas actuacións, moitas delas internacionais, e composta por un público que acudía desde diferentes puntos da comunidade autónoma.
Desde a xerencia de Ramallosa 2000 manifestamos a nosa maior disposición para colaborar para que a nosa empresa sexa unha opción de lecer seguro para os veciños da comarca. Estamos dispostos a colaborar coas institucións neste ámbito ou noutras actividades culturais e festivas nas que estamos convencidos que podemos achegar a nosa infraestrutura e experiencia en beneficio de todo o Val Miñor.
José Antonio Abadía Pérez
Administrador Sala de Fiestas Ramallosa 2.000, S.L.

