Carmela Silva enxalza o “éxito total” da campaña “Experiencias Sostibles” contra os plásticos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A campaña "Experiencias Sostibles" en Baiona.

A presidenta da Deputación de Pontevedra fixo balance esta mañá da campaña “Experiencias Sostibles” que percorreu a provincia coa presenza dun stand informativo en vilas, eventos, festivais e praias para concienciar sobre as consecuencias dos plásticos no medio ambiente e na saúde. En total, a través das 20 accións desenvolvidas ao longo do verán, repartíronse máis de 100.000 elementos entre un público “moi interesado e cada vez máis concienciado”.

Carmela Silva destacou o “éxito total” de “Experiencias Sostibles” . “Rexistramos unha elevadísima participación de persoas interesadas en obter información sobre os efectos nocivos dos plásticos e notamos unha enorme preocupación e sensibilidade especial entre a cidadanía, moitas delas descoñecían as consecuencias destes materiais na saúde”, manifestou a presidenta. Neste eido, Silva adiantou que “repetiremos a iniciativa o vindeiro ano co obxectivo de converter á provincia nun destino sostible, reforzando a nosa aposta polo Medio Ambiente”.

En total, a través do stand informativo, repartíronse máis de 100.000 elementos divulgativos. Neste eido, a presidenta provincial subliñou que se tiveron que reeditar os materiais en varias ocasións durante o desenvolvemento da campaña. Así, entregáronse 39.000 folletos informativos, 44.000 vasos compostables feitos con fécula de pataca e millo, 2.000 bolsas de tela reutilizables, 6.000 imáns con referencias ás consecuencias dos plásticos na saúde das persoas e 8.000 cinceiros.

A presidenta aproveitou a ocasión para recordar que “entre o 80 e o 85% dos residuos nos mares e océanos son plásticos que están a causar graves danos, por iso todas as administracións temos a obriga de ser máis activas para garantir espazos máis saudables”. Tamén lembrou Silva que mercamos cada minuto un millón de botellas de plástico, que ao ano empregamos cinco billóns de bolsas de plástico de usar e tirar e cada segundo vertemos ao mar 200 quilos de plásticos. “Se isto segue así no 2050 haberá máis plásticos que peixes nos océanos”, recalcou a presidenta.

“Experiencias sostibles” foi a segunda edición da liña de accións postas en marcha pola Deputación de Pontevedra para concienciar sobre o emprego dos plásticos, aliñándose cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En total, ao longo do verán, a campaña estivo presente en vilas, eventos, festivais e ata en praias da provincia como PortAmérica en Caldas, a Festa da Langosta da Guarda, Samil en Vigo, praza do concello de Cambados, Combarro (Poio), Sanxenxo, Vilagarcía, Vive Nigrán, SinSal en Redondela, Atlantic Fest na Illa de Arousa, Sonrias Baixas en Bueu, O Marisquiño en Vigo, Revenidas en Vilagarcía, praza de San Fernando en Tui, praia de Rodeira en Cangas, Príncipe en Vigo, Baiona, praza de España en Pontevedra, Náutico de San Vicente do Grove e paseo marítimo de Moaña.

BreathLife, Respira a vida

A presidenta tamén amosou o seu orgullo “por ver como outras administracións toman as mesmas medidas que nós despois de que as teñamos iniciadas e postas en marcha. Somos unha administración exportadora de boas ideas”. Deste xeito referiuse Silva á adhesión da Xunta de Galicia á campaña “BreathLife, Respira a vida” a finais de agosto tras telo feito a Deputación a comezos de mes.

A Deputación de Pontevedra foi, despois do País Vasco e Cataluña, a terceira institución de todo o estado en sumarse á rede BreathLife. Neste eido, a presidenta aproveitou a ocasión para facer un chamamento ás administracións públicas “para que tamén se sumen a estas iniciativas que teñen por obxectivo a transición ecolóxica”.

Anuncios