Preto de 350 persoas participaron nas visitas guiadas ao Pazo do Conde de Gondomar

O goberno local de Gondomar, a través da súa Concellería de Turismo, puxo esta tarde o broche final á súa actividade “Descobre Gondomar”, enmarcada dentro da filosofía do executivo que dirixe Paco Ferreira de potenciar a riqueza patrimonial, natural ou paisaxística da localidade, como atractivos turísticos que promovan as visitas á vila.

Este venres púxose o broche final a este programa no que se achegou aos participantes ata un dos referentes patrimoniais do municipio, o Pazo do Conde de Gondomar, declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Preto de 350 persoas participaron nas diferentes visitas programadas, que se ampliaron ante o importante número de demandas presentadas para participar nelas.

O rexedor do concello, Paco Ferreira, mostrou a súa satisfacción ante a resposta de “este tipo de iniciativas que proban que a cultura, o noso patrimonio e contorna son elementos de gran importancia e interese para quen nos visita durante as súas vacacións”. Nese sentido apuntou “que ofrecemos alternativas turísticas e de tempo libre que se están demandando e que ata o de agora non estaban atendidas, converténdonos así nun destino de interese”.

A procedencia dos participantes ás visitas guiadas ao Pazo así o demostra: Madrid, Valencia, Venezuela, Chile ou Barcelona son algúns dos lugares de orixe das persoas, ás que se sumaron veciños e veciñas de Redondela, Tomiño ou Vigo entre outros municipios, que elixiron Gondomar e o seu patrimonio cultural como opción de tempo libre.

Todos eles acompañados por unha técnica de turismo desde a recente remodelada Praza da Paraleda no centro urbano, foron conducidos ata o Pazo de Gondomar, onde os esperaban os actuais Condes, que completaban a actividade cun roteiro guiado polo interior do inmoble e o seu patio de armas.

Durante o percorrido relátanse máis detalles desta fortificación de orixe medieval situada nunha leira dunhas 30 hectáreas, onde ademais de descubrir a súa impresionante colección de árbores e plantas exóticas, tamén coñecen máis detalles da arquitectura do século XIII e sobre a figura do I Conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña.

O alcalde de Gondomar agradeceu o labor da responsable da área de Turismo, Rocío Goberna, e o seu equipo neste tipo de iniciativas “que fomentan alternativas ao sol e praia e colocan o noso concello e a súa historia no mapa como destino turístico, algo no que seguiremos traballando desde o goberno que dirixo”, concluíu.

2019-08-30 - image1 (1)