Gondomar pon en marcha un novo curso de operario de loxística e produción

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Curso de operador de carretillas elevadoras.

O goberno local de Gondomar, a través da Concellería de Emprego, desenvolverá o próximo mes de setembro unha nova acción formativa, dirixida de forma prioritaria ás persoas desempregadas e empadroadas no municipio. Como en edicións anteriores, ademais da formación teórica o curso completarase con horas prácticas en diferentes empresas.

O curso responde á filosofía do goberno local, que preside Paco Ferreira, de apostar por políticas activas de emprego, que faciliten a formación e inserción laboral dos veciños/as que se atopan sen emprego.

Nesta ocasión a actividade formativa é a de “operario de loxística e produción”, requiríndose ademais como mínimo a formación en graduado escolar ou equivalente. Sufragada a actividade integramente polo goberno local, facilitará aos participantes os coñecementos teórico/prácticos en procesos industriais, de loxística e almacén, prevención de riscos laborais e a formación no manexo de carretillas elevadoras.

O prazo de inscrición ábrese o próximo 2 de setembro e finalizará o día10 de setembro. Os interesados/as poderán presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal, ou ben, contactando co departamento de emprego no correo emprego@concellodegondomar.gal ou no teléfono 986 384 020.