Este xoves 29 de agosto terá lugar a última das Xeiras de Verán 2019 do IEM coa colaboración do Concello de Tomiño titulada “Camiño da Nosa Señora do Norte. Ollando cara a Tebra”. Será guiada por Antonio Soliño Troncoso.
Durante esta xeira, continuidade das que levan realizando os últimos anos, veranse e comentaranse retallos dun notable patrimonio histórico, etnográfico e artístico. Falarase de seculares formas de ordenación do territorio, tratarase arquitectura vernácula, lembraranse ritos e costumes creados para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural respecto do alén e transitarase por belos espazos románicos ideados e construídos por mestres canteiros do século XII. Na distancia sempre a imaxe da renacentista Torre de Tebra, a cuxo fundador visitarase na súa tumba. Todo durante as aproximadamente tres horas que levará percorrer os 3,80 quilómetros dun tramo de camiño afectado de mínima dificultade. O punto de encontro é a Igrexa Parroquial de Santa María, en Tebra. Prégase puntualidade. O percorrido será acompañado de intérpretes de lingua de signos.
O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo, Camiña e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e ao Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende cando menos 1295. A continuación tira cara a Tebra e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Parte deste último tramo rodeado de campos de millo e viñas emparradas é o obxectivo desta xeira.

