Ao Real Club Náutico de Vigo irán parar este ano dous dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda que o Monte Real Club de Yates entregará en Baiona o próximo 7 de setembro, coincidindo coa celebración do 34º Trofeo Príncipe de Asturias.
Un deles, o que recoñecerá ao mellor Equipo Xuvenil do Ano, levarallo a tripulación de 420 formada polo vigués Martín Wizner (Vigo, 2001) e o pontevedrés Pedro Ameneiro (Pontevedra, 2001), tras lograr os maiores éxitos para a vela xuvenil galega en 2018.
Nas últimas 8 competicións internacionais nas que participaron, o tándem Wizner-Ameneiro logrou 7 medallas: tres de ouro no campionato do mundo de Fremantle (Australia, 2018), no europeo de Sesimbra (Portugal, 2018) e no mundial de Vilamoura (Portugal, 2019); unha de prata no campionato de Europa de Atenas 2017 e tres de bronce no Lago dei Garda (Italia, 2017), Newport (USA, 2018) e Vilagarcía 2019. Un brillante palmarés no que unicamente se lles escapou o podio do mundial xuvenil celebrado en Polonia, en que quedaron quintos.
Tras tres anos de éxitos continuados, a tripulación anunciou este verán a súa separación como equipo, pero aínda recibirán un último premio antes de trazar camiños diferentes. En apenas 12 días, o próximo 7 de setembro, os deportistas do náutico vigués e a selección galega, bolseiros no Centro Galego de Alto Rendemento de Pontevedra, recollerán en Baiona o galardón que os distingue como mellor equipo xuvenil do ano.
Compartirán escenario cunha tripulación compañeira de club, a do J70 Marnatura, que recollerá o premio que os distingue como Mellor Monotipo do Ano pola súa gran traxectoria deportiva en 2018, ano no que encadearon varios grandes éxitos.
Conquistaron o Mundial celebrado en Massachusetts (EEUU) e o Europeo disputado en Vigo na división Corinthian, de tripulacións non profesionais; quedando sextos e terceiros respectivamente na clasificación xeral.
Dous títulos para unha nova tripulación xurdida da canteira viguesa, armada pola familia Freire e adestrada por Ero Pons; que conforman Enrique Freire de táctico, Gerardo Prego e Alberto Basadre de trimmers e Jorge Lorenzo na proa.
Á cana, liderando ao equipo, o vigués Luis Bugallo que, aos seus 24 anos, é un dos nomes máis destacados da vela galega na actualidade, con bagaxe en vela lixeira, cruceiros, monotipos e que participou en numerosas competicións a nivel nacional e internacional, como a Copa América xuvenil, na que competiu co Spanish Impulse.
Tras coñecer a noticia, o novo patrón mostrouse moi satisfeito por un recoñecemento que quixo dedicar á familia Freire sen a cal, asegurou Bugallo, o proxecto do Marnatura non sería posible. O próximo 7 de setembro sumarán un novo logro na súa carreira, o de conseguir o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao monotipo do ano polo logro dos títulos continental e mundial.


